Día das Letras Galegas: Francisco Fernández del Riego, un «obreiro» da cultura galega en tempos de represión
Galicia recorda ao pai do 17 de maio e un dos maiores estudosos e conservadores da lingua galega
Francisco Fernández del Riego, historia de un «optimista radical»
Del Riego durante o Día das Letras Galegas, no 2000
Cun puro na boca e na Fundación Penzol. Finar así era o derradeiro desexo de Francisco Fernández del Riego, ideólogo do Día das Letras Galegas e homenaxeado no día de hoxe. Quizais non tivera un cubano nos beizos no seu último suspiro, pero estivo ... presidindo a Fundación ata pouco antes do ano 2010, cando faleceu aos 97 anos.
Galicia recorda hoxe ao tamén fundador da editorial Galaxia para devolverlle unha parte de todo o que o autor de Vilanova de Lourenzá (1913) fixo pola lingua e a cultura galega. De non ser pola súa labor nos anos de represión franquista, a transición houbera chagado «coa maleta baleira» de cultura de Galicia. A intención de «Don Paco», explica a este diario a súa biógrafa Malores Villanueva, era que, cando caera o réxime, non tiveran pasado corenta anos «de ermo total». Se hoxe o día está adicado a del Riego, non é pola súa labor como autor —destacou nos eidos do ensaio sobre a cultura de Galicia—, senon, máis ben, polo seu incansable traballo como conservador e difusor dos valores galeguistas e da lingua. «Sacrificou a súa figura como autor porque había algo que o movía máis: a causa pola lingua cando todo eran tebras«, resume Villanueva, tamén profesora da USC e autora de 'Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia'.
Dende a Real Academia Galega, se todos os 17 de maio son importantes, hoxe, se cabe, máis. «Del Riego é un home fundamental na Academia», di Francisco Díaz-Fierros, académico numerario da institución. Ademais de «ser o pai» do Día das Letras Galegas, «renovou» a RAG durante o seu mandato como presidente, entre o 1997 e o 2001: «Cambiou o seu estilo, a súa dirección e abriuse a moitos xeitos de entender Galicia».
Pero o camiño ata alá non foi nada doado. De feito, foi a súa filosofía o que lle permitiu, pese ás adversidades e represións, seguir con vida: Francisco Fernández del Riego foi, ante todo, un «optimista radical». Conta Villanueva que o editor «viviu circunstancias moi difíciles» durante toda a súa vida. E todo comezou co estalido da Guerra Civil.
«Vivir con el permiso del enterrador»
Coa súa vida de encamiñada en Vigo, recibía ameazas de morte diarias
Durante os primeiros meses, Del Riego evitou acudir a filas. Claro, sendo de Galicia, do bando franquista. Pero os seus colegas, que fuxían ou renunciaban ir ao frente, caían asasinados, como Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal. Del Riego non se exilia, e pese á súa renuncia inicial, non lle quedou máis remedio que ir a loitar. «Era unha guerra que non era a súa»; foron anos moi tristes para 'Don Paco', relata a súa biógrafa. De feito, el foi «un perdedor pese a estar no bando gañador». Dende ese momento, a súa vida foi un continuo compendio de contradicións: «Vai á guerra para salvar a súa vida», e despois, pese a combater no bando sublevado, é sinalado e apartado da súa carreira profesional. Antes do levantamento traballaba como profesor na Universidade de Santiago, pero despois do 39 é imposible para el seguir na capital galega. «Tivo que reinventarse por completo«, e mudouse a Vigo, onde comezou a traballar no despacho de Valentín Paz-Andrade. Aínda que era prácticamente descoñecido na cidade olívica, cada día recibía unha chamada: »¿Tú sabes que estás viviendo con el permiso del enterrador?«.
Galaxia e galeguismo
Incluso máis que escritor, Fernández del Riego foi «un obreiro da cultura galega», ou así el mesmo dicía, según Díaz-Fierros. O académico está dacordo coa definición, pero Villanueva engade: tamén foi un «enxeñeiro» da acción galeguista. Díaz-Fierros, que apenas por uns meses non coincidiu na RAG co homenaxeado, apunta que foi un dos «pioneiros» na defensa do galego. Aínda que nos primeiros anos posteriores á Guerra Civil a actividade fora relativamente menor —vivían un «exilio interior»—, a fundación da editorial Galaxia significou un antes e un despois para a cultura e a lingua. «Foi moi valente e deu un paso á fronte», reivindica a profesora. «Era un home de acción, un activista».
A Guerra Civil truncou drásticamente os avances no eido da cultura galega na época da República. Con Galaxia, Fernández del Riego e Xaime Isla propóñense restaurar aquel proceso interrompido. Nos primeiros dez anos (50-60) escrituráronse 400 accións da editorial e se converteu nun lugar de encontro do galeguismo que quedara «fagocitado e desconectado despois da guerra». Publicábanse entón, en 1951, uns 2.800 exemplares da 'Antífona da Cantiga', de Ramón Cabanillas, e 1.200 do primeiro número de 'Cadernos Grial'.
Francisco Fernández del Riego foi un dos poucos bastións do galeguismo durante a ditadura. Foi a conexión entre «os vellos», como Castelao ou Otero Pedrayo, coa xente máis moza. «Quería dar un relevo, e que a xente nova tomara consciencia do que era Galicia e o país. Eses rapaces novos nese momento descoñecían todo da cultuar galega: non estaba no ensino, non estaba á vista, nin nas bibliotecas. Non estaba en lugares públicos«, conclúe Villanueva.
Ademais, tamén emprendeu «accións pioneiras» que ninguén máis quería protagonizar. Por exemplo, recorda o académico da RAG, foi guionista dende o lonxe para os programas en galego que emitía a BBC dende Londres, o único resquicio de lingua galega nas ondas. «El dicía 'temos que empezar a asomar as orellas os galeguistas'», e con seguirade que o fixeron.
Ver comentarios