«Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro»
Co gallo do centenario do escritor celanovés, a Xunta ven de poñer en marcha una curiosa iniciativa para dar a coñecer o seu legado literario á cidadanía
Vinteoito rúas levan o nome de Celso Emilio Ferreiro. A meirande parte delas, vintesete, están distribuídas pola xeografía galega mentras que a última se localiza en Madrid. Sen embargo, todas elas forman parte dunha curiosa iniciativa posta en marcha polo departamento de Cultura da Xunta, ... que busca dar a coñecer a obra literaria deste autor celanovés, a pé de rúa e coincidindo co centenario do seu nacemento.
A idea consiste en que estos espazos que foron bautizados co nome do autor coma homenaxe á súa figura se convertan agora en escearios da súa obra, das súas palabras. Por elo, nestes vinteoito puntos xeográficos distribuirase ao longo dos próximos meses un breve folleto informativo de 16 páxinas que contén datos actualizados e de fácil consulta sobre a vida e o legado deste escritor. Trátase dunha sorte de «fotonovela», tal e como a describíu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que contén información sobre os discos musicados de poemas de Celso Emilio Ferreiro que se atopan a día de hoxe no mercado. Tamén inclúe un catálogo da súa produción e un apartado con pasatempos. Onte repartíronse 5.000.
Difusión social
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou a iniciativa nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa da Xuventude da capital de As Burgas. No acto, estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez. Na súa intervención, Anxo Lorenzo sinalou que se trata dunha iniciativa que forma parte dos actos conmemorativos do centenario do nacemento do escritor e que persegue dar «a maior difusión social posible» á obra «dun poeta do pobo galego» e «un dos autores máis importante do século XX». Anxo Lorenzo manifestou que a Consellería de Cultura quería «iniciar o itinerario» da distribución dos folletos na rúa da cidade de As Burgas que leva o seu nome.
Lorenzo tamén asegurou que o que se pretende é achegar unha perspectiva global da vida e obra do autor do poemario Longa noite de pedra «cun ton e uns contidos que poidan ser de interese para a cidadanía» e dirixido «a unha cidadanía que está fora do circuíto habitual de información cultural». Neste sentido, manifestou que a finalidade da idea que onte deu o seu primeiro paso pasa por dar a coñecer a súa figura entre os veciños «que viven nas rúas que levan o seu nome».
Centenario do autor
Así mesmo, o secretario xeral de Cultura destacou que, paralelamente a esta actividade, a Consellería desenvolve outras accións para conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Así, afirmou que están a impulsar «ou dende a Xunta de ou colaborando con outras entidades» o acordo parlamentario a través do que se lle adicaba o ano 2012 a este escritor galego. Neste sentido, destacou que o pasado venres tivo lugar en Celanova un concerto homenaxe e que hai uns días presentaron unha edición bilingüe de Longa Noite de Pedra , que proximamente verá luz en inglés e francés.
Ver comentarios