Odiseo navega pola Quintana
Libros en exposición durante el LITVI, en la Ciudad de la Cultura de Santiago - MIGUEL MUÑIZ
libros

Odiseo navega pola Quintana

Santiago de Compostela acolleu a segunda edición de LITVI, Encontro de Literatura de Viaxes, celebrada entre o 14 e o 22 de xuño

Actualizado:

Percorrendo un mar homérico escuro coma o viño, o sabio Odiseo daba comezo, case tres milenios atrás, aos eu retornar atormentado a Ítaca e aos brazos da Penélope que de día trenzaba en tapiz o que a noite desfacía, en metáfora sutil e algo inxenua do tempo mal aproveitado. A Odisea é un dos textos fundacionais da Literatura con maiúsculas, e pode aproveitar a súa posición central no canon para obviar o que non poden os seus descendentes contemporáneos: que é unha exquisitamente divertida novela de viaxes e de aventuras, ámbolos dous consignados no presente aos infernos fríos da literatura xenérica, popular ou infantil.

Mai so fascinio polos viaxes segue percorrendo os soños dos lectores presente se a agromar de cando en cando en textos cuxa popularidade nunca remata de morrer. Dende o Dante que percorre as xeografías imaxinarias de inferno, purgatorio e empíreo ao coterráneo Marco Polo que narra os esplendores de Catay e da Corte do Grande Khan, ao tempo que (bo venecián) calcula as mercadorías e ventaxas do tráfico en cada rexión da Asia ignota que visita; dende Mandeville e Swift, cos seus pobos, usos e costumes imaxinarios aos relatorios postcolombinos de conquista e exploración do continente americano; dende o nobre castelán Ruy González de Clavijo cifrando as glorias da corte de Tamerlán ao gracioso percorrido de Europa (alás, poor Yorick!) da Viaxe Sentimental, de Sterne, ou a Bretaña fabulosa e fabulada que percorre o Sochantre de Pontivy nas Crónicas cunqueiriás...

Da metafísica da viaxe sabían moito os antigos poemas chineses («Camiño e paro / paro e camiño / De ti estou separado. / Dez mil millas entre nós, / ti e mais eu nos estremos do ceo») ou teoloxía cristiá (a vida humana como viaxe pola breve esfera terreal, peregrinaxe continua ata chegar á Cidade de Deus ou á cova de lume eterno). Mais por estes días, as letras do percorrer e do viaxar topan acougo breve e temporal en Compostela, co segundo encontro de literatura de viaxes, desta volta coa conmemoración en mentes do 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago.

Sabores e olladas

Repite o encontro por segunda volta a súa convocatoria na capital de Galicia para seguir a profundizar nos engados e nos textos dun xénero que se estende a novelas, revistas, guías, audiovisuais e todo tipo de escrituras do percorrer e do pensar. Este ano, o encontro contou cun rico e variado programa literario no que se inclúen cafés dos lectores cos escritores; proxeccións de fotografías, un laboratorio de creación literaria, unha maratón de fotografía coa Catedral como protagonista, a implicación de restaurantes e pubs con menús e cócteles inspirados en viaxes; e o xogo denominado «Libro viaxeiro». Amais, evidentemente, da presencia dos creadores: como botón de mostra e comezo, a inauguración oficial do LITVI, o 14 de xuño, contou coa presencia do escritor cordobés Antonio Gala na Cidade da Cultura, cunha intervención titulada «Un viaje literario: el poema de Tobías desangelado».

Amais de Gala, a Fundación Torrente Ballester recibirá a Julio Llamazares, o escritor e xornalista José María Íñigo, Ramón Pernas, Toti Martínez de Lezea, Carmen Becerra e José Luis Corral Lafuente. Varios destes autores compartiron mesa e café cos lectores. E é que o programa literario de LITVI quere sumar rigor e grandes figuras que esperten a interese del público. Para isto contará, alén de coas figuras mencionadas, cos dous ciclos «Las catedrales, fuente de inspiración literaria» e «Viajes literarios».

O festival «Olladas viaxeiras», con Xurxo Lobato como comisario, proxectou na emblemática Praza de la Quintana as mellores fotografías de catedrais e do National Geographic, durante dúas noites, nas que imaxinamos que o espectro de Ulises trouxo as súas naves e arrombou nalgunhas das imaxes expostas. Eva van diere Berg, editora da famosa revista mencionada para España, tamén participou da cita.

«La vuelta al mundo en 80 sabores» trouxo as cociñas e os cócteles do mundo a Compostela, coa elaboración de menús e receitas inspirados en México, Canadá, Francia, Oriente Próximo, Escandinavia… distintos restaurantes e locais de hostelería nocturna da cidade colaboraron con esta vertente que amplía as fronteiras de Galicia e do LITVI.

Outras actividades salientábeis foron o Laboratorio de creación literaria (imaxinado pola experta Soledad Felloza, en o que os interesados poderán aprender a contar do mellor xeito posible as súas viaxes, reais ou inventadas), a exposición sobre libros de viaxes de GALIX (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil), na Fundación Torrente Ballester, ou o xogo «Libro Viaxeiro»: en distintos currunchos da cidade agocháronse durante a pasada semana distintos libros que agardan por un lector. Na dirección de facebook de LITVI atópanse a diario pistas para atopalos e fomentase a divulgación de experiencias.

Unha nova andaina, que implica un salto dos viaxes sobre a páxina literaria na que todos temos percorrido os mares do sul, o corazón da escuridade africana ou as estepas dos tártaros ou dos gauchos da pampa, por un percorrido novo das rúas compostelás e dos mundos soñados e percorridos. Coas nosas mentes, cos nosos pés, e cos nosos corazóns.