Nas verbas de Paz Andrade
O homenaxeado, nunha imaxe de arquivo cedida pola páxina web que xestiona o seu legado - www.valentinpazandrade.es
día das letras galegas 2012

Nas verbas de Paz Andrade

As Letras Galegas deste ano están adicadas á figura de Paz Andrade, o autor de Pranto Matricial

Actualizado:

O devalar dos días vainos levando cada vez máis perto do Día das Letras Galegas, no que no ano en curso celebraremos ao escritor, economista, empresario e político Valentín Paz Andrade. Comparándoo de boas a primeiras co galardoado do ano pasado, as diferenzas fanse manifestas: fronte ao poeta bohemio, underground e maldito Pereiro que conecta coa xuventude, os 80, a contracultura, Paz Andrade é unha homenaxe a unha traxectoria máis cara atrás que engloba a historia do século XX galego, e as conquistas non tanto literarias senón globalmente culturais. Dende ese punto de vista, poucos ou ningún poden acreditar unha folla de servizos máis gloriosa que a de Valentín Paz Andrade.

Nado o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra), Paz Andrade escolarizouse na cidade do Lérez para continuar logo a carreira de Dereito en Santiago. Nos seus tempos de estudiante inicia a súa aproximación ao galeguismo, guiado nos seus postulados teóricos polo feito que supuxo a creación das Irmandades da fala, a iniciativa fundamental do galeguismo cultural e político nos comezos do século XX. Aínda moi novo, Paz Andrade, evidencia un especial talento periodístico. Colabora en diferentes revistas como Grial, Outeiro ou O Ensino. Nos seus artigos aborda temas de lingua e literatura, dedicándolle unha especial atención á figura de Castelao, ao que coñece nesa época.

A partir de 1921 exerce de avogado en Vigo. Entre 1922 e 1926 dirixe nesta cidade o xornal Galicia, unha alternativa liberal e democrática que aglutinaba destacadas personalidades da vida e a cultura galegas, entre elas a Castelao, quen aportaba os seus debuxos e as súas caricaturas. En 1924 pasa dous meses na cadea de Vigo, por dous artigos que publicara. En 1957 volve outro mes á cadea. O xornal Galicia, co que xurdiu a gran escola de caricaturistas galegos, foi pechado pola dictadura de Primo de Rivera.

Milita no Partido Galeguista, na formación do cal participa. En 1931 preséntase con Castelao e Cabanillas ás cortes constituíntes, non saíndo elexido por unha diferencia de poucos votos. En 1934 é nomeado Secretario do Partido Galeguista, en substitución de Castelao, que fora desterrado a Badaxoz. En 1936 colabora na campaña polo Estatuto de Galicia. Nesta época asesoraba como avogado ás asociacións de armadores pesqueiros. Sofre dous atentados, o primeiro en Vigo, o segundo en Verín. Trasládano despois á Serra de Queixa e Pobra de Trives, onde coñece a Pilar, coa que casa en 1939. Anos máis tarde regresa a Vigo, sen que ninguén lle comunicase o fin do seu desterro. A imaxe dos anos das represións reloce nestes seus versos de Capotes de sombra amargos que tanto lembran ao romance lorquiano da benémérita: «Dous a dous en tres ringleiras / tricornos seis, seis cabalos, / un fusil a cada lombo, / capotes de sombra amargos, / cal seis funiles de tebra / sobre hipogrifos marchando. / As ferraduras nas laxes / ronsel de chispas nos cascos./ Charoles o anoitecer / verten seu frío no cadro».

En 1940 nace o seu fillo Alfonso. Mantén contactos cos republicanos e despois da morte de Castelao en 1950 relaciónase cos emigrantes e exiliados galegos en Arxentina e intensifica a súa relación co mundo da pesca e a súa colaboración coa FAO. En 1976 e 1977, representa a Galicia na «Comisión dos dez», que negociou a transición co goberno español presidido por Adolfo Suárez, e nas eleccións democráticas que teñen lugar ese último ano foi elixido senador por Pontevedra dentro das listas da Candidatura Democrática Galega. En 1978 pronuncia o discurso de ingreso na Real Academia Galega, da que é membro desde 1964.

Poeta da Xeración de 1925, iníciase na literatura en 1921 coa publicación da novela Soldado da morte. En 1955 aborda o eido da poesía con Pranto matricial, no que evoca a morte de Castelao. Continuará esa liña en Sementeira do vento (1968), libro no que canta á paisaxe, ás xentes, ao exilio e aos poetas galegos. Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986) son as dúas últimas obras poéticas. Ademais das múltiples contribucións a libros e publicacións periódicas, é autor tamén dos ensaios Galicia como tarea (1959), La anunciación de Valle-Inclán (1976), La marginación de Galicia (1970), A galeguidade na obra de Guimarães Rosa (1978) e Castelao na luz e na sombra (1982), unha das máis completas biografías do autor de Rianxo.

De toda a súa producción, e voltando ao rego do literario, seguramente sexa Pranto Matricial a súa contribución máis senlleira. Auténtica elexía polo irmán Daniel que máis que ninguén encarnara os anceios de liberdade e de recoñecemento cultural e nacional do país, a morte no exilio arxentino de Castelao será o catalizador dun pranto íntimo que se transforma nos seus versos nun sentir común, «o que todo galego choraría». Non era esta a primeira manifestación de dor pola morte de Castelao: tan só sete días despois do seu falecemento escribía Valentín: «Durante la séptima noche del año naciente- vértebra dorsal del siglo- han debido doblar a muerto las campanas de todas las iglesias de Galicia. Campanas marineras de Rianxo. Graves campanas de Compostela. Líricas campanas de Bastavales, de Anllóns... Sólo el llanto unánime de las torres románicas, lágrimas de bronce sobre la faz de piedra, habría expresado con digno acorde y proporcionado acento, en esta ocasión el dolor de la tierra».

Mais ao fin, a dor remataría, tempo depois por transformarse en ledicia de liberación e de retorno. Do mesmo xeito, o Pranto Matricial é un canto esperanzado no regreso de Castelao:

«Na matricial Galiza, sempre túaque dend-a Torre d’Hércules ao Miñoun facho acenderá por cada illacando ti volvas pol-o mare...»