Lois Pereiro chega a 19 países da man de Política Lingüística
Mostras e actividades difunden a vida e obra do homenaxeado das Letras Galegas de 2011
R. S. C.
A conmemoración das Letras Galegas e a difusión da vida e da obra do homenaxeado deste ano, Lois Pereiro, chegan a 19 países de todo o mundo a través dunha exposición promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén ... de distribuír unha mostra composta por 15 carteis sobre o escritor monfortino en todos os centros de estudos galegos cos que este departamento da Xunta de Galicia conta actualmente e que están distribuídos en universidades de Europa e de América.
A través dos máis de 40 centros de estudos galegos da secretaría xeral, a obra e a vida de Lois Pereiro difúndese en España, Alemaña, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Arxentina, Brasil, Chile, Cuba, Estados Unidos, México e Uruguai. A mostra sobre Lois Pereiro que se está a exhibir nestes países titúlase «Lois Pereiro e as artes da palabra. Rúa da poesía, poesía da rúa» e é un dos traballos gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na que participaron numerosos centros educativos de Galicia. Os carteis desta exposición e mais os da premiada na categoría de educación infantil e primaria están accesibles na web da Xunta na sección de lingua galega.
Máis iniciativas
Ademais da exhibición desta mostra, os centros de estudos galegos están a organizar diversas iniciativas e, deste xeito, impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas. O centro de estudos galegos da universidade portuguesa do Minho foi unha das primeiras en sumarse ao programa de actividades para conmemorar as Letras Galegas. Facíao o pasado día 7 coa presentación do cancioneiro de música popular máis antigo do que se ten noticia, Ayes de mi País , unha compilación realizada por Marcial Valladares a mediados do século XIX e que foi recentemente editada por José Luís do Pico e Isabel Rei. A esta presentación, uníuselle un encontro con escritores de Galicia —entre eles, Marilar Alexandre, Teresa Moure, Carlos Quiroga e Lucía Novas— e do norte de Portugal.
Tamén en Portugal, o centro de estudos galegos de Lisboa colabora, con outras entidades, na organización de diversas actividades. Entre elas inclúense o encontro literario que terá lugar hoxe na Facultade de Ciências Sociais e Humanas, un relatorio sobre o Día das Letras Galegas a cargo de Luciano Rodríguez; a Feira do Libro Galego, que terá lugar desde maña ata o 26 deste mes; e un ciclo de cinema galego.
Por outra banda, o centro de estudos galegos da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona inauguraba esta semana a mostra bibliográfica Di-versos, ou a poesía entre o fanzine e o punk. Lois Pereiro, Manuel Rivas, Rompente…, que inclúe páxinas do facsimilar de Loia editado polo Consello da Cultura Galega. Este centro tamén organizou unha conferencia sobre Pereiro e presentouse a edición bilingüe galego-castelán da Obra completa , da editorial Libros del Silencio.
Outro exemplo das iniciativas no exterior para conmemorar as Letras Galegas promóveo o centro de estudos galegos da Facultade de Letras da Universidade do País Vasco, onde as poetisas María Lado e Lucía Aldao veñen de ofrecer un recital poético co gallo da mostra.
Esta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete
Esta funcionalidad es sólo para registrados
Iniciar sesiónEsta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete