LIBROS
Por mares nunca de antes navegados
Vinte anos despois, Queipo anova un Ártico 2.0 artellado coma unha jam-session de free jazz arredor dunha teima fundamental do autor arredor do mar e dos océanos xeados
Por mares nunca de antes navegados
Emulando as proezas do bardo lusitano, xa van alá 20 anos desque un daquela descoñecido Xavier Queipo arrombaba o Premio da Crítica Española cun orixinal Ártico e outros mares . Consolidada unha tradición de escrita fecunda nas mans deste autor, a reedición do volume ... ven a cubrir un oco: o das dificultades de atopar exemplares desta obra. Nas propias verbas de Queipo que fan de limiar desta nova singladura: «O libro, pois, foise abrindo camiño non sen certas dificultades, mais a edición orixinal ficou obsoleta, e polo que eu sei difícil de atopar».
É que a renovación non só ten que ver con cuestións de tipografía, corrección ortográfica e de erros varios, senón que afecta ao contido mesmo da obra, que engade cinco relatos novos, converxentes en asuntos e perspectivas cos antigos, e mais un interesante ensaio titulado «Historia dunha navegación persoal», sobre a escasamente consolidada tradición de novela marítima galega.
Ártico 2.0 artéllase coma unha jam-session de free jazz arredor dunha teima fundamental do autor arredor do mar e dos océanos xeados; unha teima á que non resulta allea a súa (de)formación profesional de biólogo e percorredor das augas árticas en varias viaxes e expedicións persoais. De todas estas experiencias (e non só das persoais, senón tamén das ensoñacións literarias baixo a sombra tutelar de Borges e Jack London, de Conrad e de Francisco Coloane, de Saxo o Gramático ás lendas do pobo säämi) acaba abrollando unha presada de textos de diferente signo: relatos breves, pezas pseudo-biográficas con forma de diario, reflexións literarias, estampas marítimas e diversas...
Dende esta perspectiva, quizaves a maior crítica que se lle podería facer ao libro de Queipo é que por veces crea a sensación dun caixón de xastre, onde todo vale, e onde máis do que dunha obra pechada e acabada, temos unha serie de retallos interesantes arredor dunha serie de topoi comúns de mar e navegación. Ou se queremos (como desenrola o limiar da primeira edición, «Enxurrada»), temos un rescate literario de impresións, lembranzas e textos, que rima metafóricamente cunha enxurrada real que asolagou a súa casa padronesa e puxo a remollo textos, cartas mariñas, cunhas e criaturas en formol... «Anos de traballo, de pura vocación xuntacadáveres, de investigacións nos museos e nas bibliotecas, nos fondos mariños, nas estepas xeadas de Groenlandia, nas vilas próximas dos fiordes do norte (Tromso, Kirkenes, Hammerfest, Vardo...), nas Spitzbergen, no Jan Mayen, nas illas dos Osos e da Esperanza, de Santa Kilda, Rockall, Shetland, Faröes e Orkney, de visitas ao PINRO de Murmansk ao meu amigo o científico soviético Victor Tretyak. Todo. Todo perdido». Dalgunha maneira, este libro enceta os fragmentos de memorias, de gustos, de obsesións persoais nunha colecta de gusto eliotián: These fragments have I shored against my ruins .
Compre, nembargantes, subliñar a orixinalidade e a frescura do proxecto, e moito máis tendo en conta a data de publicación do primeiro Ártico e o seu carácter de obra novel, marcando a ruta que posteriormente percorrería Queipo con obras coma O paso do noroeste ou Papaventos , ou o recentísimo Premio Xerais do ano que remata por Extramunde , «unha novela de aventuras onde unha pleiade de personaxes alucinadas embarcan nunha viaxe a bordo dunha nave de tolos que ao final constitúe a personaxe central da novela».
Crea Queipo neste Ártico reformateado un universo persoal e seductor de mares xeados e non xeados en cinco partes, como os movementos dunha sinfonía: a primeira céntrase no Ártico e en certas criaturas mitolóxicas e quase-fictivas que poboan as súas augas; na segunda desprázase a Outros mares ; na terceira recala nos bancos tan coñecidos polos pesqueiros galegos, da Terranova ; prosegue cos pes algo mais enxoitos en Terra adentro , para rematar teóricamente cun A xeito de epílogo: algunhas reflexións sobre literatura e mar. E reflexionando sobre as razóns estructurais que xustifican a ausencia da tradición marítima no sistema literario galego, non deixa Queipo (de xeito moi metareferencial e posmoderno) de negar as ausencias e de artellar, xunto co modelo manuelantonián, unha conquista temática, xenérica e espacial para as nosas letras, que nas súas páxinas nos leva a percorrer, coma nos Lusíadas , por mares nunca de antes navegados.
Ver comentarios