día das letras galegas
Santiago réndese aos pés dun veciño ilustre, Roberto Vidal Bolaño
Unha placa no seu barrio natal de Vista Alegre e a cerimonia da Real Academia Galega homenaxean á «voz crítica do teatro»
Santiago réndese aos pés dun veciño ilustre, Roberto Vidal Bolaño
Aínda que os actos de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño (RVB) con motivo do Día das Letras Galegas se suceden este venres por todo o territorio galego, Santiago centralizou os dous máis importantes , en torno aos cales se reuniron familiares, veciños, amigos, autoridades ... e profesionais para renderse aos pés do dramaturgo que profesionalizou teatro galego, do «pallaso incómodo», nas propias verbas do académico Francisco Fernández Rei.
Nado no compostelán barrio de Vista Alegre, o Concello quixo recoñecer a un dos seus veciños ilustres cunha placa conmemorativa no propio barrio. «Polo seu traballo e por toda unha vida dedicada ao teatro galego e á nosa literatura» , reza o distintivo, se ben a asociación veciñal As Brañas de Andrés solicitou un impulso máis para eloxiar a vida e obra do «teatreiro» que nunca esqueceu as súas raíces: renombear a praza como «Saxo Tenor» , título dun dos traballos máis emblemáticos de Vidal Bolaño.
A voz lúdica do crítico
Todas as autoridades previamente reunidas no barrio de Vista Alegre dirixíronse ata a zona vella, concretamente ata o Teatro Principal, que acolleu o tradicional pleno extraordinario que a Real Academia Galega celebra cada Día das Letras Galegas en recordo ao homenaxeado elixido. Tres académicos -dous deles vinculados co mundo do teatro, como Margarita Ledo e Euloxio Ruibal e un terceiro experto en dialectoloxía, Francisco Fernández Rei- mergulláronse na obra teatral de RVB , citando incluso breves fragmentos dalgunas das súas pezas para analizar, xa que logo, as características dunha forma e dun léxico que foron mudando co tempo.
Porén, o sinal perenne do dramaturgo, a actitude crítica, aínda late. Así o quixo recoller o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero , que comandou o acto xunto á tesoureira da institución, Charo Álvarez; o secretario en funcións, Xosé Luís Regueira -debido á ausencia de Henrique Monteagudo-; a propia Ledo, archiveira da Academia; e xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo , que «hoxe é o noso invitado de honra», puntualizou Montero, que tamén aproveitou para solicitarlle máis apoio para «a cultura, o teatro e as voces críticas».
Dentro delas, a do finado Vidal Bolaño, porque «se hai na historia do teatro unha voz crítica, esa é a da Roberto Vidal Bolaño» . Crítica e lúdica á vez e, indiscutiblemente, co nariz vermello de pallaso sempre presente, o mesmo que recuperou Ledo ao finalizar a súa disertación.
Ver comentarios