Galicia

null

Hemeroteca > 23/05/2006 > 

Galicia amosará na Feira do Libro de Madrid unha selección da súa creación

ABCSANTIAGO. Os asistentes á Feira do Libro de Madrid poderán coñecer as últimas novidades e as grandes tendencias da creación literaria galega. Nesta edición da Feira que se presentou onte en Madrid

Actualizado 23/05/2006 - 09:32:06
ABC
SANTIAGO. Os asistentes á Feira do Libro de Madrid poderán coñecer as últimas novidades e as grandes tendencias da creación literaria galega. Nesta edición da Feira que se presentou onte en Madrid, Galicia ocupa un lugar especial xa que é a Comunidade Autónoma convidada. A consellería de Cultura e Deporte preparou diversas actividades e encontros con autores para amosar o mundo do libro galego.
O martes día 30 de maio ás 13 horas o escritor Suso de Toro presentará a súa última novela, «Home sen nome». Ao día seguinte, á mesma hora, comezará a quenda da banda deseñada galega. Kiko Da Silva, Germán Hermida e Paco Paradelo falarán sobre a revista BD Banda, premiada no Salón Internacional del Cómic de Barcelona en 2005 como o mellor fanzine do estado e que, en breve, se converterá nunha editorial. O xoves 1 de xuño ás 18.30 «Mamá Cabra» presentará o espectáculo musical infantil «Tan só con leres un libro». Esta será a primeira de varias actividades relacionadas coa literatura infantil e xuvenil. O martes día 6 ás 13 horas a Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil (Galix) falará sobre as obras galegas que foron seleccionadas este ano para os White Ravens, un premio internacional que recoñece as mellores obras deste tipo de literatura.
Concretamente, foron seleccionadas «Conto para non comer» de Oli, editado por Galaxia; «Quen me quere adoptar», de Fina Casalderrey e publicada por Xerais; así como «A cousa que máis doe do mundo», adaptado da tradición oral de Costa de Marfil por Paco Liván, con ilustracións de Roger Olmos e editado por OQO Editora.
O venres día 9 de xuño ás 11.30 horas a ilustradora Patricia Castelao realizará un obradoiro de ilustración para cativos e cativas. Para completar a oferta infantil e xuvenil o sábado día 10 ás 18:00 horas haberá unha presentación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra co espectáculo de conta contos de Pavís-Pavós. A actuación de contacontos continuará pola tarde, ás 20 horas, con Quico Cadaval.
Deixando a literatura infantil e xuvenil, na Feira darase a coñecer o funcionamento dos clubes de lectura. É o caso de «Biblos», presentado por Tucho Calvo o venres 9 de xuño ás 13:00 horas. Finalmente, o domingo 11 de xuño ás 18:00 horas presentarase «Poemas pola memoria», unha antoloxía de poesía galega sobre a represión franquista. O libro recolle poemas desde 1936 até a actualidade que versan sobre a violencia exercida contra os republicanos e galeguistas polas tropas franquistas. Esta colección enmárcase nas actividades do «2006, Ano da memoria», coa que a consellería de Cultura e Deporte intenta, por primeira vez en Galicia desde a Xunta, dar a coñecer e homenaxear a vida dos represaliados polo franquismo.
Búsquedas relacionadas
  • Compartir
  • mas
  • Imprimir
publicidad
PUBLICIDAD
Lo último...

Copyright © ABC Periódico Electrónico S.L.U.