Galicia

null

Hemeroteca > 18/01/2008 > 

López fai partícipes do premio Xarmenta aos que promoven o galego no Bierzo

ABCSANTIAGO. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, agradeceu, en nome do Goberno galego, o Premio Xarmenta 2007 que lle vén de conceder a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta

Actualizado 18/01/2008 - 10:43:02
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, agradeceu, en nome do Goberno galego, o Premio Xarmenta 2007 que lle vén de conceder a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta polo seu labor de promoción do galego na comarca do Bierzo.
O premio é compartido coa Junta de Castilla y León, con quen a Xunta de Galicia mantén un protocolo de colaboración para desenvolver un programa de estudos de galego nos centros de ensino do Bierzo e de Sanabria.
Previo á gala de entrega dos premios, na rolda de prensa ofrecida en Ponferrada, a secretaria xeral de Política Lingüística expresou a súa satisfacción por un recoñecemento que, ao seu entender «é, en esencia, un premio aos alumnos e alumnas, aos profesores e profesoras, á organización dos propios centros de ensino do Bierzo que, con alento e perseveranza, fan posible que a lingua que compartimos siga estando viva e que sexa vehículo de comunicación social e académico».
Marisol López referiuse así ao programa de estudos de galego no Bierzo, que medra en alumnado ano tras ano e que, na actualidade, permítelles a máis de mil alumnos desenvolver estudos en galego en Primaria, Secundaria e na Escola de Idiomas de Ponferrada.
Realidade lingüística frecuente
A secretaria xeral gabou o traballo de entidades como Xarmenta nunha realidade lingüística «que é moito máis frecuente no mundo do que pensamos habitualmente, porque a extensión das linguas non obedece nunca estritamente ás fronteiras administrativas».
Neste sentido, destacou que o labor destes colectivos «permite unha activación e recoñecemento das linguas que enriquece o conxunto do Estado».
Marisol López referiuse igualmente á colaboración fluída para o desenvolvemento deste programa, que desde este ano lles proporcionará aos alumnos que cursen galego no Bacharelato a certificación oficial adaptada aos estándares europeos que acaba de entrar en vigor en Galicia.
Búsquedas relacionadas
  • Compartir
  • mas
  • Imprimir
publicidad
PUBLICIDAD
Lo último...

Copyright © ABC Periódico Electrónico S.L.U.