Galicia

null

Hemeroteca > 15/08/2007 > 

Serea Maruxaina

EMMA SOLASANTIAGO. Os veciños de Cervo, na costa luguesa, volveron indultar á súa serea. Como é tradición, o pasado sábado os mariñeiros saíron ao mar para ila buscar coa intención de, unha vez en

Actualizado 15/08/2007 - 02:48:39
EMMA SOLA
SANTIAGO. Os veciños de Cervo, na costa luguesa, volveron indultar á súa serea. Como é tradición, o pasado sábado os mariñeiros saíron ao mar para ila buscar coa intención de, unha vez en terra firme, decidir se debía ser queimada ou merecía quedar libre da acusación de bruxería.
A lenda sobre «A Maruxaina» di, segundo algúns, que coa súa fermosura extraordinaria seduce aos mariñeiros e os engana para que as súas embarcacións batan nas rochas; e, por boca doutros, que os axuda na súa travesía. O caso é que son poucos os habitantes da Mariña que non coñecen a festa que orixinou esta antiga historia, unha das máis máxicas e animadas do verán en Galicia.
O xuízo, que se celebra cada segundo sábado de agosto dende a metade dos oitenta na praza de O Cervo, e a troula que o acompaña foron declarados de interese turístico galego. A celebración comeza na mañá, coa xuntanza dos veciños da vila vestidos ao xeito dos mariñeiros antigos, eles con pantalón azul, camisa branca e boina; e elas con saias longas, mandís, camisa e pano na testa, todo en cores de loito. Xuntos percorren as rúas co son das gaitas e dos cornos para despois baixar á praia para comer e pola tarde celebrar xogos populares.
Á noite, apáganse todas as luces da vila e baixase á praia, onde se espera a chegada da Maruxaina, que é traída dende os Farallóns nas chalanas; lévase á praza, onde o tribunal de veciños a agarda. Trala absolución, iníciase unha gran festa na que se reparte queimada.Para que os nenos coñezan a tradición da «Maruxaina» e poidan xulgar por eles mesmos tócase o seu corno para guiar ou para confundir aos homes do mar, e o Concello organiza unha serie de obradoiros arredor desta asombrosa figura.
Queimada Popular
Pero as celebracións non rematan nesta vila mariñeira, e para o vindeiro sábado está prevista a Queimada Popular, tamén declarada Festa Galega de Interese Turístico dende 2001 e que xa vai pola súa XXVIII edición. Na noite, realízase unha actuación teatral que cambia anualmente e que sempre ten o mesmo fío argumental: o triunfo do ben sobre o mal, resumido nunha soa frase.
A festa comeza cando escurece, coa baixada dos actores dende as Escolas Vellas ata a praza, acompañados co son das gaitas que interpretan o Himno do Antigo Reino de Galicia e iluminados con potes de queimada e con antorchas. De seguido, alí ten lugar un enfrontamento entre o ben (representado polo Bruxo) e o mal (encarnado por bruxas, meigas e demos) acompañado de música e baile. A regueifa remata co «esconxuro» e o reparto de litros e litros de queimada.
Nunha semana os veciños de O Cervo, na Mariña de Lugo, celebran o xuízo desta ninfa de lenda e recordan tempos paganos coa 28 edición da Queimada Popular. Dúas celebracións de Interese Turístico Galego
Búsquedas relacionadas
  • Compartir
  • mas
  • Imprimir
publicidad
PUBLICIDAD
Lo último...

Copyright © ABC Periódico Electrónico S.L.U.