O «xigante infinito» do século XX recibe o recoñecemento na Fundación NCG

Unha mostra na Coruña recolle 32 imaxes plásticas de Isaac Díaz Pardo

A CORUÑA Actualizado:

A sede da Fundación Novacaixagalicia na Coruña acolleu onte a inauguración oficial dunha mostra que recolle a obra plástica de Isaac Díaz Pardo. Cos fondos das coleccións de Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, articúlase unha exposición na que, a través de grandes lenzos, estudos preparatorios, bosquexos e debuxos do autor, se mostran as bases nas que se sitúa toda a estética posterior do artista. O conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez; o alcalde de Coruña, Carlos Negreira; o copresidente de Novacaixagalicia, Mauro Varela; o presidente executivo de Novagalicia Banco; José María Castellano; e o comisario da exposición e fillo do artista, Xosé Díaz Arias de Castro, foron os encargados de estrear a mostra e de guiar a homenaxe ao galeguista.

En palabras de Mauro Varela, Isaac foi «un xigante comprimido», como «unha mente preclara, un pertinaz construtor de escaleiras, un soñador pragmático, un editor paciente, un creador de formas en constante evolución, un faro de longo alcance… un Home Infinito».

E así se recordou a figura de Díaz Pardo, que realizou unha curta pero sobranceira traxectoria plástica, a cal abandoou a finais da década dos corenta. «No 1946, rematada a segunda guerra mundial, puiden saír ao estranxeiro e coñecer o que se facía fóra, sobre todo o que facían os nosos desterrados e, sumándolle outras cousas, axiña me decatei de que iso de andar pintando e vendendo cadros, ou pintando os señores e señoras enriquecidos daquela época, aos que tiña que sacarlles os cartos e as enrrugas (pois entón non había cirurxía estética), decateime, digo, de que por aí non ía a miña vocación e, no 1947, empecei coa idea de colaborar nunha posible idea de restaurar Sargadelos», explicaba o propio artista sobor de como abandoou a arte da pintura para dedicarse en corpo e alma a un proxecto, a restauración de Sargadelos, que xuntaba industria, deseño e cultura a un tempo.

As 35 obras dispostas na mostra da Coruña recollen os lugares pictóricos de Isaac: «Un é Madrid, territorio de formación e consagración, onde estuda Belas Artes e comeza a súa andaina profesional; o segundo lugar, e un dos máis fecundos, é O Castro de Samoedo, onde aparece a madurez e realiza os seus grandes óleos; e o terceiro e último lugar da súa creación pictórica está situado na outra banda do Atlántico, a carón dos seus amigos e camaradas do exilio, nun lugar próximo a Bos Aires no que comeza o desterro, arredándose da Galicia cativa, triste e abafante dos anos cincuenta, Magdalena», apuntou o fillo.

Tradición artística

A exposición, que se sorte dos fondos de Novagalicia Banco e de Novacaixagalicia, deixa espido a un Isaac de formación clásica e empapado nunha intensa tradición artística familiar, a un artista que está sentando as bases de toda a súa plástica posterior, como afirma a responsable da Colección Novagalicia Banco. Rosario Sarmiento explicou que «se temos en conta que Isaac Díaz Pardo abandoou a pintura como oficio en 1948, apenas nove anos despois de obter a súa titulación como licenciado na Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, podemos afirmar que estamos ante a colección máis relevante deste autor».

Por outro lado, a mostra estará arroupada pola edición dun catálogo: «Isaac Díaz Pardo. Fondos Colección Novagalicia Banco e Novacaixagalicia», que se poderá adquirir nas librerías das sedes da Obra Social e que recolle textos do propio artista e dos comisarios da mostra Xosé Díaz e Rosario Sarmiento.

Dende onte, 23 de febreiro, e ata o 20 de maio do 2012 —en horario de luns a venres de 16 a 21 horas, sábados e festivos de 12 a 14 e de 16 a 21 horas—, a sede da Fundación Novacaixagalicia poñerá a disposición dos cidadáns a esencia artística dese «xigante infinito» do século XX que foi Isaac Díaz Pardo.