«A visitadora de prisións» abandona o Mosteiro de Santa Catalina de Ares

A fin da rodaxe da cinta de televisión devolve, tras cinco intensas semanas, o municipio á realidade

D. S. C.
SANTIAGO Actualizado:

Tras cinco semanas de rodaxe en diversas localizacións de Barcelona e de A Coruña, a equipa de «A visitadora de prisións», protagonizada por Blanca Portillo e dirixida por Laura Mañá, abandona o Mosteiro de Santa Catalina de Ares. As case 300 persoas que participaron nesta produción entre equipo técnico e artístico fixeron posible que unha personaxe co peso histórico de Concepción Arenal fose rescatada para o gran público.

A rodaxe comezaba o pasado 1 de febreiro na Real Academia de Medicina de Barcelona, continuando no Castelo de Montjuïc e nas localidades de Sant Pere de Ribes e Sant Sadurní D’Anoia. O 13 de febreiro trasladábase a Galicia, onde os escenarios principais foron o Castelo de San Felipe de Ferrol e o Mosteiro de Santa Catalina de Ares. Tamén se rodaron secuencias na praia de Doniños, en Xavariz; na parroquia de Lubre e nas Fragas do Eume, entre outras localizacións. O elenco está encabezado por Blanca Portillo, que da vida a Concepción Arenal.

Acompáñana Mabel Rivera, que interpreta a Juana de Vega e Pere Arquillué, que encarna a Garrido, o alcaide da prisión. Con eles participan Anna Casas, Oscar Rabadán, Xosé Barato, Luísa Merelas, Fermí Reixach, Isabel Naveira, Paula Carballeira, Diana Gómez, Patricia Vázquez, Candela Fernández, Dani Lago e Juanma Lara, entre un nutrido grupo de actores, apoiados por máis de 200 figurantes procedentes de Barcelona e da bisbarra de Ferrolterra.

Durante o tempo de rodaxe a expectación suscitada propiciou a visita de varios medios de prensa e comunicación. Os concellos de Barcelona, Ares, Ferrol, Monfero, As Pontes e Pontedeume colaboraron coas produtoras na tramitación de permisos e accións relativas á utilización de infraestruturas, facilitando así o labor do equipo técnico.

A acción de «A visitadora de prisións» desenvólvese a mediados do século XIX e recolle a etapa na que Concepción Arenal traballou como visitadora de cárceres de mulleres na Coruña, o que daría como froito algunhas das súas obras clave que habían de servir de base para a reforma do sistema penal imperante en España.

A película ten como escenario principal unha prisión de mulleres, buscando retratar con fidelidade as duras condicións de vida nos presidios da época.

Baseada na vida de Concepción Arenal, está producida por Zenit TV e a produtora catalá Distinto Films, con Miriam Porté e Zaza Ceballos á fronte da produción executiva; cunha coproducción a tres bandas entre a Televisión de Galicia, Televisió de Catalunya e Televisión Española. Además, contou co apoio do ICAA, da Consellería de Cultura e a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, do ICIC e do Instituto de la Mujer.