Unha edición bilingüe recupera toda a poesía de Lois Pereiro
Varela e López-Barxas, na presentación do libro - ABC

Unha edición bilingüe recupera toda a poesía de Lois Pereiro

Unha selección de poemas do poeta monfortino será publicada en inglés

SANTIAGO Actualizado:

«Lois Pereiro. Obra completa. Edición bilingüe», con prólogos do escritor Pere Gimferrer e o xornalista Xosé Manuel Pereiro, en tradución de Daniel Salgado; e «Lois Pereiro. Collected poems», con tradución ao inglés de Jonathan Dunne, son as dúas últimas obras que chegan ás librarías con motivo da celebración, este ano, do Día das Letras Galegas en honor do poeta monfortino. Os volumen foron presentados onte na Biblioteca de Galicia, no complexo da Cidade da Cultura, polo titular deste departamento da Xunta, Roberto Varela; o director xeral do Libro, Francisco López; o editor de Libros del Silencio, Gonzalo Canedo; e o propio Xosé Manuel Pereiro, irmán do autor dos orixinais. No acto, e parafraseando a outro escritor, neste caso Manuel Rivas, Roberto Varela recordou a Pereiro como «o clásico que a literatura galega ten, sen sabelo».

O primeiro dos libros, «Obra completa. Edición bilingüe» percorre ao longo de 750 páxinas a traxectoria do autor. Inclúe os libros «Poemas para unha loia», «Poemas 1981-1991», «Poesía última de amor e enfermidade» (1992-1995) e «Náufragos do paraíso», «Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia» e «Conversación ultramarina». Pola súa banda, a editorial Small Station reúne na compilación «Lois Pereiro. Collected Poems» en lingua inglesa, as obras da etapa comprendida entre 1981 e 1996.

Ademais destas dúas publicacións, ao mercado chega tamén a novela gráfica «Breve encontro», centrada na vida e obra do poeta monfortino e elaborada por «un dos creadores gráficos galegos máis importantes do momento», Jacobo Fernández Montañés, e coeditado con Edicións Xerais. Onte coñeceuse tamén unha iniciativa da compañía de distribución Gadisa para poñer a disposición dos seus clientes dous millóns de bolsas coa imaxe do autor monfortino, que levarán impresas o poema «Transmigración», incluído no poemario «Poesía última de amor e enfermidade».

No ámbito audiovisual e escénico, as consellerías de Cultura e Educación promoverán nestes días unha instalación multimedia itinerante que percorrerá varias bibliotecas galegas para difundir a figura de Pereiro. A administración colabora, ademais, no espectáculo escénico «Mundo Lois», ideado por Antón Reixa, que se representará o próximo 17 de maio no Salón Teatro de Santiago.