O trobador do século vinte

A Universidad Internacional Menéndez Pelayo clausura hoxe o seminario «Cen anos de Cunqueiro», no que especialistas repasaron a obra do escritor e pintor de Mondoñedo

Actualizado:

Cando se celebra o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, a Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) culminará no día de hoxe o programa de «Cien años de Cunqueiro», unhas xornadas adicadas a homenaxear a visión persoal e intransferible —incorporada xa ao patrimonio cultural galego— que o escritor de Mondoñedo nos brindou a través da súa obra literaria, a cal abarcou o campo narrativo, poético, teatral e mesmo xornalístico.

Por este motivo, a sede do Arquivo do Reino de Galicia da Cidade Vella da Coruña converteuse dende o mércores no lugar idóneo para afondar na vida e obra dun autor que configurou unha das apostas literarias máis orixinais da literatura galega do século XX. O curso ten lugar dentro dun ano no que a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega estableceron como obxectivo o ensalzamento da figura de Cunqueiro e a difusión do seu gran legado literario.

Ao curso asistiron e asistirán importantes escritores como Luis Mateo Díez, César Antonio Molina, Víctor Freixanes ou Marina Mayoral, ademais de Domingo Villar, Arcadio López ou Inmaculada López Silva, e no seu programa (coordinado polo escritor e xornalista Carlos G. Reigosa) farase todo un repaso polas facetas da obra do escritor, facendo fincapé tanto nas máis coñecidas coma naquelas que non calaron tanto no coñecemento popular coma as súas colaboracións en prensa. Cunqueiro colaborou con publicacións afíns ao rexime franquista, antes de regresar a Galicia e comezar a publicar en diarios coma «La Noche», «El Progreso» ou «La Voz de Galicia», malia a que o seu carné de xornalista se lle fora retirado en 1944.

Durante a presentación do curso, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, cualificou a Cunqueiro coma «o maior fabulador da literatura europea das últimas décadas e herdeiro natural dos trovadores medievais». Ademais, López asegurou que o seu gran mérito non foi unicamente o de recoller «a enraizada tradición da oralidade galega», senón tamén «empregar o seu enorme talento para renovela e reforzala, ata convertela nunha obra literaria tan abundante como tremendamente orixinal».

Se o estilo do lucense non pasou desapercibido para os organizadores da súa conmemoración é polo contraste entre a tradición e a modernidade existente entre a súa temática, a cal evoca ós nosos antepasados e marcou o modo no que o imaxinario popular retrata a menciñeiro, sochantres, feirantes e mesmo boticarios, co seu emprego de modernos recursos narrativos. Unha mestura na que, segundo comenta López, «radica o éxito da construción dun universo máxico que anticipou o camiño polo que despois descorrería boa parte da novela do último terzo do século XX». Deste xeito, o autor transgredía o nivel espacial ao retratar Galicia dentro dos seus textos sobre a Bretaña ou Sochantre de Pontivy, ou as súas pinturas do porto do Golfo Pérsico. O director xeral de Libro celebrou o programa do curso, así coma o nivel dos ponentes, cualificándoo de «excelente homenaxe aos cen anos do gran fabulador, do soñador de palabras, do embaixador da Galicia mítica e do namorado da lingua».

O segundo de Dans

A apertura deste curso coincide coa comunicación do último gañador do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, que nesta sinalada data cae nas mans de Raúl Dans, coa súa obra teatral «Chegamos despois a unha terra gris». Na mesma, o dramaturgo, guionista de cine e de televisión, así coma actor de dobraxe, presenta un núcleo familiar en descomposición, protagonizado sen dúbida algunha polas personaxes femininas.

O autor fala da súa obra coma «teatro de personaxes, da palabra coma arma», plagada de antiheroes modernos que protagonizan un «drama de feitura clásica» que se mergulla nas zonas escuras da alma humana para dar así a coñecer esa parte descoñecida que todo o mundo leva nos seus adentros materializado nas relacións sentimentais, as frustracións e fracasos, ou mesmo os vínculos entre as persoas e as escravitudes que as unións sentimentais poden chegar a supoñer para elas.

Con esta obra, que será publicada no marco da Biblioteca Dramática Galega levada a cabo por Edicións Xerais, o dramaturgo coruñés logrou gañar este galardón por segunda vez, dezasete anos despois de facelo con «Lugar» (a cal foi representada polo Centro Dramático Galego en 1999).

SANTIAGO