cultura
Carnal e Coresma, volta a batalla
En Galicia o Entroido celébrase dende sempre. Existen manifestacións dunha moi fonda tradición e que aínda perduran hoxe, especialmente na provincia de Ourense
manolo do río
O Entroido anda a petarnos nas portas, nunha enésima repetición das festas e do rito que se ven celebrado en toda Europa dende épocas descoñecidas. Unhas festas das que non se sabe con certeza a súa orixe, anque sexa posíbel especular a partires dalgúns antecedentes, ... como a antiga Saturnalia, onde amos e escravos da anterga Roma cambiaban por un día os roles sociais, as tradición celtas, ou os ritos de adoración a Baco ou Dionisos, tan fértiles para a escenografía e a traxedia grega. En todo caso, todas estas prácticas presentan en común a da subversión das costumes e as da riqueza alimenticia e gastronómica: por uns días, as festas do entroido buscan levar a cabo o «reino deste mundo»: un escenario de abundancia e liberdade que poucas veces se teñe dado no percorrer da civilización humana. Eis o carácter subversivo e utópico que agocha tralas festas en cuestión, que plantexan un outro mundo posíbel, que inspirou páxinas literarias ao ruso Mikhail Bakhtin sobre o carnavalesco e a polifonía.
Mais retornando á antigüidade e ás festas de comedela, bebedela e disfraz, o certo é que tal e como as coñecemos hoxe, pasaron polo tamiz e filtro da chegada do cristianismo; este desarticulou e absorveu moitas das festas pagás, e no caso do Entroido, a posíbel despedida dos longos e duros días do inverno, mesturouse coa despedida da carne antes do período de abstinencia da Coresma que comeza no día Mércores de Cinza (é dicir corenta días antes do domingo de Ramos).
As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo «Carne Vale» (é dicir «o adeus á carne»), do que despois derivou a palabra «Carnaval»; ó termo «Introitum» (que significa a entrada á Coresma) do que vén a palabra «Entroido» ou «Antroido». O Entroido, xa que logo, fai referencia a unha época de «carne» , tomando o sentido literal da palabra. O Entroido quere significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir , as cousas que non se fan habitualmente.
En sentido relixioso trátase do triunfo de «don Carnal» sobre «dona Coresma», que reinará nos seguintes corenta días, ata a celebración do Xoves Santo. Unha celebración que xa os textos medievais (coma o Libro de Buen Amor, do Arcipreste de Hita) relataban profusamente; tampouco os pintores ficarían alleos ao seu engado, e Brueghel o Vello conta entre os seus mellores lenzos cunha batalla campal entre as forzas de don Carnal e as de dona Coresma.
Pero o Entroido foi deixando pouco a pouco o seu sentido relixioso como festa preparatoria da Coresma para converterse nun acontecemento cheo de xolda e desenfreo. Hoxe en día, o Entroido subsiste debido a que é unha festa que invita á participación de todos, sen prexuízos nin distincións. O anonimato que proporcionan as máscaras e os disfraces é un dos seus principais atractivos, pois permítelle á xente facer máis cousas que ó acostumado.
O Entroido Galaico
En Galicia o Entroido celébrase dende sempre. Existen manifestacións dunha moi fonda tradición e que aínda perduran hoxe, especialmente na provincia de Ourense, e nalgunhas partes de Lugo, mesturando esas tradicións ancestrais con outros elementos máis novos.
Entre os chamados « ritos de grupo» (a súa orixe e significado é descoñecida) pódense citar: Os Cigarróns, que son personaxes enmascarados e adornados (coma en Verín), as Pantallas que amolan ós viandantes con dúas vexigas cheas de aire (moi común no Entroido de Xinzo da Limia), os distintos Peliqueiros (coma en Laza), personaxes que se distinguen pola súa animalización: non falan, levan chocas coma os animais, zorregan á xente e levántanlle a saia ás mulleres, animais como pode ser unha vaca, o burro ou o galo, xa sexan reais ou simulados simbolizan o Entroido en si e interveñen na festa, ben para ser burlados e escarmentados, ben para actuar activamente facendo falcatruadas; os Correos, que van pola veciñanza ofrecendo cós Xenerais «canten» a cada unha das casas a cambio dunha doazón, os Xenerais, vistosamente disfrazados con sombreiros, medallas e fitas que lembran de xeito choqueiro os uniformes do século XIX. Nalgunhas das parroquias realízanse tamén encontros ou «saltos» entre os xenerais, facendo un repaso satírico da vida cotiá.
Os disfraces no medio rural sempre foron moi variados, a súa simbolización é a da volta ó mundo do revés... Por iso hai homes vestidos de mulleres e mulleres vestidas de homes, de curas ou monxas... Moitas veces os que non tiñan disfraces, vestíanse coa roupa do lado do revés. No Entroido todo está permitido. Son moi comúns os discursos coma os testamentos, os chamados arranques ou as coplas, que son sátiras da realidade e de feitos sucedidos durante o ano, incluíndo ós referidos ós veciños e ás institucións públicas.
Dende o século XIX, comezou a celebrarse nos liceos de cidades e vilas un entroido máis burgués, con disfraces e bailes máis elaborados. Xa no século XX, e durante a época da guerra e da posguerra o entroido foi perseguido, polo que algunhas das tradicións perdéronse. Pero, dende os anos 70 deu comezou un proceso de recuperación destas tradicións máis ancestrais, tanto nas aldeas coma nas cidades; nestas ultimas con desfiles, concursos e disfraces nas rúas acompañados con música. Pero o que sempre primou do Entroido, e o espírito de crítica contra todo, e a posibilidade de dicir esas cousas con ton de sátira.
A hora do bo xantar
Dentro da filosofía do Entroido está a de comer e beber ata o límite. En Galicia a comida sempre foi un elemento fundamental, sendo as máis tradicionais as filloas, o doce das orellas, e a totalidade do porco (especialmente a cachucha), a bica, a androlla ou tamén os doces, os chourizos, o lacón ou o caldo que son consumidos en masa e son ideais para estas datas do inverno.
Tan só nos fica rematar cun convite entusiasta ao disfrute do disfraz, do paseo, da sátira e, sobretodo, da boa e abondosa mesa galaica do bo xantar, anque certamente o desborde de graxas e de doces provocará os horrores de calquer dietista contemporáneo. Máxime cando nos tempos da sociedade do consumo, o Entroido gastronómico pódese gozar case tódolos días do ano.
Mais o Entroido segue a florecer a día de hoxe na Comunidade galega e augurámoslle mil primaveras máis á máis popular das festas e celebracións, xa colonizadora, anque doutra forma, dos espazos e dos eidos urbáns.
Esta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete
Esta funcionalidad es sólo para registrados
Iniciar sesiónEsta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete