«Rock In Way» despídese ao grande

Malia á ausencia de «The Offspring», a segunda xornada do festival estivo marcada por grandes actuacións

SANTIAGO Actualizado:

Cos grandes cabezas de cartel ausentes, podía parecer que a segunda xornada do festival «Rock In Way Estrella Galicia» ía verse marcada por unha drástica redución no seu número de asistentes, pero nada máis lonxe da realidade. Aínda que ben é certo que se notaba que a afluencia non foi a esperada e que quedou moi lonxe de poder colgar o hipotético cartel de «cheo», as cifras probablemente diferisen unicamente nun par de miles de asistentes menos ó segundo día desta cita coa música rock no Monte do Gozo compostelán. Pola contra, onde si se percibiu un maior movemento foron nos concertos vespertinos, que mentres que o venres estaban practicamente desertos, tiveron moitísima máis aceptación no caso do sábado.

Se por algo destacou esta xornada, ademais de polo ambiente moito máis distendido e agradable, foi pola ausencia casi total de formacións coñecidas polo gran público. Se cadra os máis recoñecidos, cando menos entre os galegos, fosen Siniestro Total,aínda que tamén se deron cita no Gozo grandes e lonxevas bandas británicas coma The Charlatans ou The Specials, que levan agrupados, respectivamente, dende os anos 70 e finais dos 80.

Igual que o día anterior, estes primeiros concertos da tarde foron reservados para aquelas formacións que aínda buscan atopar o seu oco no panorama musical, caso de grupos coma Temazo Showcase, Novedades Carminha ou os arxentinos Las Pelotas. Cando chegou a quenda dos vigueses The Blows, algúns dos asistentes quedaron estrañados por que non cantasen en inglés, pero todo ten a súa explicación. Trala publicación de varios álbumes e EPs en inglés, o grupo decidiu pasarse, coma moitos outros, ó castelán. O grupo interpretou o repertorio do seu próximo álbum, «Ejército De Fantasmas», que leva no tinteiro dende a pasada primavera á espera de coñecer a data de publicación final.

Despois chegaron os rebeldes Siniestro Total, que ademais de ofrecer un ameno repertorio de cancións moi populares como «Bailaré Sobre Tu Tumba», «Ay, Dolores» ou «¿Quiénes Somos? ¿De Dónde Venimos? ¿A Dönde Vamos?» tamén aproveitaron a ocasión para fiar as cancións con algúns chistes, improvisados ou non, en relación coa xerarquía eclesiástica. «É un honor para nós compartir escenario co Papa», comentou o seu líder Julián Hernández, o cal tamén propuxo que Carla Bruni fose a próxima «papisa» se houbese que escoller a alguén en Francia, ou contar un chiste no que interviñan un nazi, un polaco e a intervención divina de Deus.

Tralas bastante desapercibidas intervencións do rapeiro Tote King, The Charlatans e Delorean —moi aclamados pola crítica, pero cuxo sonido electrónico quizais diferise demasiado da esencia do «Rock In Way»—, comezou o gran espectáculo do día da man de The Specials e The Toy Dolls. Os primeiros, británicos e formados nos anos 70, demostraron sobre o escenario o talento que unicamente toda unha vida dedicado á música «ska» pode facer. Os segundos, tamén británicos, de son «punk rock» e formados un par de anos máis tarde —1979—, ofreceron un dos mellores concertos de ámbolos dous días ao interpretar os temas da súa discografía sempre acompañados polas gafas que os caracterizan dende os inicios da banda.