De paseo con Blanca Portillo e Coronado

Tres cidades galegas acollerán na fin de semana do 18 ao 20 de marzo a obra de teatro «Paseo romántico», unha montaxe que rememora os mellores textos do Romanticismo

A. M.
A CORUÑA Actualizado:

Os actores Blanca Portillo e José Coronado visitarán esta fin de semana os teatros galegos coa súa nova obra, «Paseo romántico». Esta peza teatral, baseada en textos extraídos da época do Romanticismo, busca retratar un século convulso a través dos escritos de autores como Espronceda, o Duque de Rivas ou Rosalía de Castro. Así, a montaxe —de cen minutos de duración— abrirase coa Declaración da Constitución de Cádiz de 1812. Retazos do Don Juan Tenorio ou Cantares gallegosrecorrerán co espectador unha etapa histórica caracterizada polas loitas entre liberais e absolutistas e pola axitación amorosa entre os monarcas. En palabras do crítico Juan C. Plaza-Asperilla, trátase dunha España que «se desangraba en liotas civís polos tronos, as constitucións, os gobernos e os soños de liberdade» e que atopou no Romanticismo o mellor dos espellos nos que mirarse, a través das súas coplas populares, das rimas amorosas e das composicións teatrais.

A peza, cuia dirección corre a cargo de Laila Ripoll, percorrerá boa parte da xeografía galega nunha fin de semana frenética. O espectáculo arrancará o venres 18 de marzo no Teatro Sala de Concertos do Centro Cultural Novacaixagalicia da cidade olívica ás 20.30 horas. Na seguinte xornada, o elenco de actores desprazarase ata o auditorio do Centro Social NCG de Pontevedra ás 21 horas. O paseo culminará no Teatro Colón da cidade herculina o domingo 20.

Elenco

A carga interpretativa da obra descansa sobre dous dos actores máis premiados do panorama artístico nacional. José Coronado, un dos nomes propios do cinema español e dos telefilmes máis populares e Blanca Portillo, que ten ás súas costas numerosos recoñecementos no ámbito teatral e que chegou a participar en longametraxes como «Los abrazos rotos», de Pedro Almodóvar.

A estructura da peza teatral, pola súa banda, recae sobre os distintos xéneros literarios que trataron os autores da época e que servirá como fío conductor do espectáculo. Así, o contido da obra repasa as mellores mostras do xornalismo e o ensaio do momento —da man de autores como Mariano José de Larra— para adentrarse, paulatinamente, en ámbitos como o da poesía amorosa, a fantástica e a crónica social e histórica. Unha interesante proposta que pon de manifesto a calidade da literatura española.