Ourense lidera as vinte e seis cidades termais europeas

A asociación europea do sector aproba un área de investigación proposta por Galicia

OURENSE Actualizado:

A cidade de Ourense liderará a área de Innovación Termal da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (Ehtta, nas súas siglas inglesas) por decisión da asemblea xeral da asociación, reunida o pasado venres na cidade de Spa (Bélxica). A cidade das Burgas viu aprobada a súa proposta de constituír unha área de investigación termal que deseñe e promova proxectos destinados a poñer en valor os recursos termais para mellorar a oferta turística das cidades europeas.

O obxectivo do colectivo é presentar proxectos de promoción e posta en valor dos seus productos turísticos e termais, concurrindo á convocatoria que ten previsto realizar este ano a Unión Europea, centradas no desenvolvemento do Itinerario Cultural Europeo de Cidades Termais, promovido pola asociación.

Trátase dunha rota que une ás cidades que salientan polo seu potencial termal e histórico a nivel internacional, sendo Ourense a única cidade española incluída neste itinerario cultural. Os proxectos que se deseñen en Ourense servirán de referente para as 26 cidades que forman a asociación entre as que se atopan vilas co potencial, tradición e prestixio en materia termal como Bath (Inglaterra), Budapest (Hungría), Vichy (Francia), Spa (Bélxica) ou Karlovy Vary (Chequia), entre outras.

A asemblea da asociación de Ehtta acordou tamén encomendar a Ourense o liderazgo da nova Área de Investigación Termal, tendo en conta factores como a riqueza termal da cidade, o seu patrimonio histórico-artístico, e natural, conxuntamente co seu potencial de investigación aplicada ó sector, en estreita colaboración coa Universidade, así como a súa condición de sede do certame Termatalia como plataforma e punto de encontro dos profesionais do sector. Na reunión subliñouse especialmente o feito de que «en Ourense, ás persoas maiores que veñen sendo usuarios habituais do termalismo, súmase un importante número de mozos e persoas de mediana idade, o que ven a aconfirmar a capacidade do producto termal para ser atractivo para todo tipo de públicos».

A proposta aprobada pola Asamblea de Asociación Europea de Cidades Históricas Termais foi defendida pola delegación de Ourense, formada pola tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Turismo, Isabel Pérez; o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, José Ángel Vázquez Barquero; e o autor do Plan Estratéxico Termal, Mario Crecente, que confirmaron que o traballo a desenvolver dende a cidade «centrarase na innovación». Tamén se realizará unha investigación que outorgue unha nova lectura dos recursos patrimoniais, naturais, a oferta cultural e a gastronomía.

O Concello de Ourense ten previsto promover a constitución dun equipo de traballo no que convidará a participar á Universidade de Vigo e ao sector empresarial galego, a través da Asociación de Balnearios de Galicia. A Asociación de Cidades Termais acordou tamén onte deseñar unha estratexia de comunicación e promoción conxunto das cidades con patrimonio histórico e termal que se presentará a debate e aprobación na súa próxima xuntanza, os días 17 e 18 de novembro, na cidade francesa de Evian les Bains.