Detalle de 'A cor do traballo', unha das fotografías da exposición. - GABRIEL TIZÓN
fotografía

Oportunidade da cor

Quince anos de traballos, continentes, viaxes e experiencias son os alicerces de «A Cor do Mundo», unha pescuda fotográfica encetada polo compromiso optimista en tempo da negrura

POR EVARISTO AMADO
Actualizado:

Non chove, pero a foto en branco e negro amosa unha rapaza (negra) cun paraugas. Progresivamente, a imaxe gaña en vida (falcatruadas da técnica) e vai apoderándose de boa parte das cores que compoñen o seu mundo. E creba o silencio a música e comparece o lema «Ver para que outros vexan». Pero aínda nos estamos na galería, senón no rincón dixital do seu conformador. Era tan só unha pista do que vén. E comezamos por ahí, pola cor.

Nas circunstancias de crise económica e deprimido zeitgeist actual, deixar atrás o branco negro do nitrato de plata, no plano técnico e no plano moral, probablemente non é doado. ¿Convén? Para un dos mestres do compromiso estilizado, Sebastião Salgado, a cor está proscrita nos seus traballos: non lle permite concentrarse na fotografía, explica. Só a emprega por obriga. O artefacto que hoxe nos ocupa, «A Cor do Mundo», é unha moi outra cousa.

En «A Cor do Mundo» recolle o fotógrafo Gabriel Tizón (Ferrol, 1973), sen branco nin negro, máis de quince anos de viaxes por países como Alxeria, Guinea Bissau, Senegal, Mauritania (África), Ecuador (América). Tamén por Galicia. O percorrido, curto pero intenso, é un resumo vital e unha mirada atrás que fai balance nunha época abocada á reinvención, cunha profunda vocación de militancia no optimismo que provoca cambio, alén da parálise do pesimismo derrotista. «Agora mesmo fan falla dúas cousas nesta sociedade. Optimismo e cor. O mundo ten hoxe unha cor escura, un abano de grises pola situación económica e social», explica o responsable dunha serie de fotografías nas que a intención última é crebar o monolitismo do pesar cunha carga de fondo positiva.

As imaxes falan de situacións cotiás, unha mestura de rostros e cor. Capturan moi diversas realidades das sociedades contemporáneas, as facianas do amor e da verdade, o valor do traballo. Están as mans do agricultor, que xa se confunden coa terra ou semellan as raíces dunha árbore que se desprende do chan. E nelas sorrín as chanclas nos estragados pés dun neno, e sorrí tamén o visitante que contempla a toma na que dous vellos que charlan sentados nun café actualizan a imaxe que pendura nun cadro da parede de fondo, cunha fermosa parella moza nos preliminares do goce.

Nodos dunha rede

A serie, «A Cor do Mundo», coma todo repaso de traxectoria, é unha rede. Os nodos, que son as fotografías, contactan con pescudas pasadas, seriadas e nomeadas, que remiten a outros tempos e outras exposicións e outros premios, como «Retratos, mapas de la vida» ou «África, sueños y mentiras» ou «La coctelera» ou «Capitalismo» (o interesado pode atopar a meirande parte do material en www.gabrieltizon.com).

Son ou foron traxectos da «aprendizaxe» que para Tizón empraza cada viaxe. «Cada vez que sallo fóra». A cuestión é recibir leccións lonxe dun reduccionista afán de denuncia, que tamén pero non abondo. Atopar un anaco de esperanza, dun sentido no caos, dunha posibilidade que debe ser traballada, e esfiuzalo, chuchalo e amosalo. «Nunca, con ou sen cámara, viaxo a salvar a ninguén. Sempre digo quer son como unha dilixencia, vou a recoller, para volver e que poidan ver. Minimamente ben feito, é máis que suficiente», explica Tizón. Un fuxir da doada ecuación de neoimperialismo solidario, victimismo e determinismo xeográfico.

O compromiso, porque el non separa o valor da pegada de luz do compromiso, non é unha máxima plana e sen aristas. Ten compoñente ética, estética e pragmática, cun valor como eixo central, o respeto ao outro, semellante e o diferente. «Tan importante é o autor que está aquí e traballa aquí como o que sae. Os dous reflicten un día a día. Valen se os traballos están ben feitos, ben feitos no sentido do compromiso».

O espazo

A análise de «A Cor do Mundo» non debe desbotar un elemento consustancial que case pode considerarse o xermolo da exposición. A pequena galería Zlick, con pouco máis dun ano de vida, é unha especie de obradoiro recuperado, moderno, urbanita e ecoloxicamente comprometido. «É a parte humana da montaxe, amosaron un interese moi grande. Considero esta galería un sitio de futuro, de traballo. Creo que neste sector viramos nesa dirección», analiza Tizón.

«Están as exposicións dos grandes museos e as grandes galerías, os traballos das grandes figuras, pero é arte moito máis recoñecido, institucional. Fóra deste ámbito, do institucional, tal e como está todo agora, é momento de reinventarse. Marcos e Jimena convencéronme rapidamente. Noutros sitios ofrecíanme espazos máis grandes, pode que de máis nombre. Alguna vez teño dito que non. No me atopaba, non era o meu sitio. Aquí disfruto dun lugar perfecto para facer unha especie de primeiro resumo, cercano para o que expón e para o que visita», analiza o fotógrafo.

Mirar dende a frialdade

Porque «A Cor do Mundo» non se podería entender en toda a súa concepción orixinal nun escenario no que a montaxe levante un muro entre obra de arte e o espectador. Non cabe nin o xogo conceptual nin a frialdade da análise matemática ou dos xogos posmodernos autor-receptor. Está a imaxe, espida, a contemplación e a implicación. «Un erro de certas montaxes, especialmente en grandes espazos, é a frialdade. Mirar dende a frialdade. Por exemplo, e falando dunha mestra, coma García Rodero... [refírese a Cristina García Rodero, que ata o 13 de febreiro expón «Transtempo» no Centro Galego de Arte Contemporánea]. Atopeime só nun gran espazo, non había ninguén, nin calor. É triste, no caso dun traballo dese nivel, dunha autora dese nivel».

E despois da mirada ao pasado, que hai por diante? «Financiacións complicadas, recapacitación e reinvención. Xa quixera eu poder dicir que mañá viaxo de novo».