LITERATURA

Lalín celebrará a próxima semana o medio século da obra de Neira Vilas

SANTIAGO Actualizado:

As «Xornadas Monográficas sobre Xosé Neira Vilas. 50 Aniversario de Memorias dun neno labrego» que se celebrarán en Lalín do 12 ao 16 de decembro, pecharán neste ano o ciclo de actividades que se desenvolveron por distintos puntos da xeografía galega para conmemorar o medio século da obra máis lida da literatura galega. Ao mesmo tempo, as conferencias serven de homenaxe á figura do escritor do Deza, membro numerario da Real Academia Galega.

Os actos, organizados polo Concello de Lalín en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas, a Dirección Xeral do Libro, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Agader e a Deputación de Pontevedra, pretende ser «un recoñecemento expreso do pobo de Lalín e de Galicia á figura de Balbino, a ese rapaz da Galicia auténtica que cumpriu xa cincuenta anos de vida, e ao seu biógrafo-creador», explica a organización.

En palabras do alcalde de Lalín, José Crespo, serán uns «actos sinxelos, modestos, pero emotivos, sen practicamente custo económico para o Concello, dedicados íntegramente a Neira Vilas e tamén a todos os nenos e nenas labregas, porque todos somos Balbinos da vida e Lalín mírase ao espello de Balbino».

No encontro participarán o secretario da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Axeitos; o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo; o director da editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e a profesora de Literatura Galega da USC, Dolores Vilavedra, entre outros.