Os fillos de Álvarez Blázquez doan 111 carpetas de fondos arquivísticos

Máis de 2.500 textos que veñen a enriquecer os xa existentes na Fundación Penzol

VIGO Actualizado:

Os fillos de Xosé María Álvarez Blázquez, como herdeiros seus, veñen de doar á Fundación Penzol 111 carpetas de fondos arquivísticos do seu pai, que enriquecen os xa existentes e complementan as fontes documentais a disposición do labor investigador que se desenvolve nos ámbitos referidos a Galicia. Máis de 2.500 documentos, folletos, recortes de prensa, manuscritos, orixinais mecanografados e coleccións temáticas agrupados en temas como prehistoria e arqueoloxía; literatura galega medieval, dos Anos Escuros e do Rexurdimento, romances impresos na Comunidade e unha importante colección do cancioneiro popular; historia da autonomía e a cidade de Vigo; filatelia; temas vigueses; toponimia e lingüística; etnografía e folklore; documentación política da transición e da primeira etapa democrática; emigración, recortes de prensa e publicacións sobre Castelao; e outros varios temas máis.

Na Fundación Penzol existen xa coleccións procedentes de fondos de Xosé María Álvarez Blázquez, que lle adquiriu Fermín Penzol nos anos 60 do século pasado. Entre eles destaca unha colección de 287 documentos en pergameo e papel, do século XII ao XVI, e outra formada por 353 manuscritos autógrafos, do século XVIII ao século XX, con cartas, poemas e minutas de importantes figuras galegas como Joseph Cornide, Marqués de Figueroa, Rosalía de Castro, Montero Ríos, Alfredo Brañas, Pondal, Curros Enríquez, Pardo Bazán, Antón Vilar Ponte, Castelao, Bóveda, Vicente Risco, Valle-Inclán e outros.

Xosé María Alvarez Blázquez (Tui 1915 - Vigo, 1985) é unha das figuras destacadas das letras galegas, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2008. Escritor polifacético de poesía, narrativa e ensaio, desenvolveu tamén un importante labor como arqueólogo, investigador e editor. Foi membro numerario da Real Academia Galega. Moi vinculado a Vigo, onde residiu gran parte da súa vida e desempeñou durante moitos anos o cargo de Cronista Oficial. Na cidade olívica creou as editoriais «Monterrey» e «Castrelos».

Como gran estudoso e investigador foi coleccionando ao longo da súa vida un importante fondo documental, unha gran parte do cal constitúe a nova doazón que fan os seus fillos e fillas á Fundación Penzol.

A Fundación Penzol foi constituída no ano 1963 e debe o seu nome e apelido ao seu fundador, Fermín Fernández-Penzol Labandera, home consagrado, ao longo da súa vida, ao servizo de Galicia e da súa cultura. A vocación bibliofílica de Fermín Penzol orientouse a acopiar ininterrumpidamente libros, folletos, revistas, documentos e manuscritos referidos a Galicia, que ía localizando en librerías e postos anticuarios, que entregou ao grupo Galaxia, ao que el pertencía, e que foron a base do patrimonio bibliográfico e documental da Fundación Penzol.

A entidade está subscrita, dende o ano 1985, a un convenio co Concello de Vigo, que lle aporta os locais da Casa Galega da Cultura de Vigo e o persoal técnico e auxiliar para atender os servizos da biblioteca e do arquivo. As coleccións están formadas por uns 42.000 libros impresos dende o século XV, 106 títulos de libros manuscritos, 287 documentos en pergameo e papel —o máis antigo data de 1135—, 68 pezas de cartografía histórica, 700 caixas de documentos do arquivo —110 metros lineais de estantería— e uns 2.370 títulos de publicacións periódicas desde o século XIX.