«Espazos Sonoros» inicia a súa cuarta edición na Igrexa Franciscana da Coruña

Celebraránse 27 concertos en 17 lugares diferentes entre os meses de agosto, setembro e outubro

C. P. TOIMIL
SANTIAGO Actualizado:

O festival «Espazos Sonoros», levado a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo, celebra este ano a súa cuarta edición apostando pola promoción musical en Galicia e a revalorización do patrimonio cultural. Cunha mestura de arte arquitectónica e musical, a iniciativa pretende dar a coñecer o patrimonio galego ao tempo que se goza da música. Para iso organizaranse un total de 27 concertos en 17 espazos diferentes, entre os que se atopan mosteiros, unha antiga fábrica de conservas e algas, pazos ou fortalezas medievais. Todo isto tinguirá os meses de agosto, setembro e outubro da mellor música experimental foránea e autóctona, á mesma vez que se ofrece unha educación histórica importante.

Esta edición de 2011 iniciarase coa actuación do grupo de La Chimerana Igrexa da Venerable Orde Terceira Franciscana, situada no casco vello da Coruña. O espectáculo, dirixido polo arxentino Eduardo Egüez, que interpretará o seu programa «Buenos Aires Madrigal»; é unha clara fusión dos madrigais italianos do século XVII e os tangos arxentinos. Para conseguir os efectos desexados, o artista empregará diversos instrumentos clásicos como violas da gamba, guitarras barrocas ou laúdes, acompañados doutros máis modernos como o bandoneón ou o contrabaixo. Ergüez forma parte do elenco de artistas procedentes de diversas partes de Europa e do resto do mundo como Nova Lux, Ensemble, Diana Baroni Trio, Les Sacqueboutiers de Toulose ou Rolf Lislevand. Todos eles xunto a outras formacións e solistas que veñen desenvolvendo o seu traballo en Galicia, tales como os pianistas Jesús Núñez e Elisa Vázquez Doval.

Pero esta cuarta entrega de «Espazos Sonoros» non só estará definida por actuacións musicais dentro de espazos patrimoniais singulares, senón que tamén contará con outro tipo de iniciativas para atraer a todos os públicos. De feito, o festival presenta unha programación específica para o público familiar da man da Compañía Autónoma Dromosofista, que presentará un espectáculo de mimo, teatro musical e obxectos denominado O Cubo Libre. Por outro lado, «Espazos Sonoros» busca incrementar a interacción co público, e para iso están programadas dúas andainas pola contorna de dous espazos de gran intrese cultural e natural como son o convento de Herbón, en Padrón, e o mosteiro de Xagoaza, no Barco de Valdeorras. Coa fin de poñer en alza outra vez o punto de encontro entre patrimonio e música, todas estas excursións finalizarán cunha serie de concertos.

Dentro da programación do festival tamén se contemplan un total de tres obradoiros musicais, iniciativa avalada polo éxito acadado en edicións anteriores. Neste senso, a intérprete Pamelia Kurstin realizará un obradoiro na Cidade da Cultura de Santiago e tamén se celebrarán charlas sobre o mundo da música antiga e os seus instrumentos. O espectáculo apostará, de novo polo «Escoitas arredor de...», iniciativa fresca e orixinal baseada nunha combinación de concerto-entrevista, no que se poderá coñecer de cerca e escoitar ó vivo a Rolf Lislevand, na Illa de San Simón.