O «Cineuropa» quenta motores

Como aperitivo á inauguración do festival de cine, onte déronse a coñecer os nomes dos premiados deste ano: Aitana Sánchez-Gijón e Jorge Drexler

A. RODRÍGUEZ
SANTIAGO Actualizado:

A XXV edición do festival Cineuropa, que comezará o próximo mércores 9 de novembro na capital galega, xa ten premiados. Neste ocasión, e como se deu a coñecer onte na rolda de presentación do evento, os elexidos polo xurado foron a actriz Aitana Sánchez-Gijón e o músico Jorge Drexler, que recibirán os seus correspondentes galardóns na gala de apertura da próxima semana. Unha cerimonia á que seguirá a proxección do film «Oviedo Express», protagonizado pola artista premiada e «unhas das mellores comedias españolas da última época», segundo apuntaron os organizadores do evento.

Con motivo do 25 aniversario da mostra, esta ano contará cunha programación especial no marco da que Drexler, gañador dun Oscar e dun Goya, ofrecerá dous concertos «con márchamo cinéfilo», que porán a banda sonora ao visionado da cinta «A nova Babilonia» e nos que estará acompañado pola Real Filharmonía.

En total, e ata o 2 de decembro, nas salas santiaguesas proxectaranse un total de 150 películas encadradas nas distintas seccións que compoñen o festival. Aquí destacan traballos como o do húngaro Bela Tarr, con «O cabalo de Turín», gañador do Oso de Plata de Berlín ou o da británica «Tiranosaurio», premiada en Sundance. Xunto a elas, os espectadores poderán disfrutar, en varios pases, doutros traballos destacados como a última peza mestra de Aleksandr Sokurov, «Fausto», que recentemente se fixo co León de Ouro en Venecia ou ca última revelación do cine fantástico da tempada, representada pola produción «Attack the block», triunfadora en Locarno e Sitges.