IDEAS FALSAS

Case o 70% dos mozos relaciona o VIH cun grupo social concreto

SANTIAGO Actualizado:

Preto do 70% da mocidade galega relaciona o contaxio do VIH coa pertenza a determinados grupos sociais e non coas condutas individuais, segundo se desprende dun estudo realizado polo equipo de Quérote+ co gallo da conmemoración do Día Internacional da loita contra o SIDA. O estudo, no que se enquisou a máis de 300 persoas, revelou datos tan significativos como que seguen aparecendo certos prexuízos e estigmas sociais, xa que case o 70% continúa relacionando as posibilidades de transmisión co feito de pertencer a un grupo social determinado como toxicómanos, homosexuais ou prostitutas, mentres que descoñecen que as posibilidades de transmisión veñen dadas polas condutas individuais, non por pertencer a un grupo social determinado.

Así mesmo, preto do 35% de mozos e mozas consultados recoñecen non manexar unha información completa e axeitada sobre o VIH-SIDA, si ben mais do 70% coñecen que son os fluídos vaxinais, o esperma,a sangue e a leite materna os fluídos que poden transmitir o VIH. Ademais, 95 mozos e mozas relacionan o VIH coa palabra enfermidade, 33 coa morte e 27 co medo. Tamén é importante salientar que o traballo realizado nos últimos anos de cara á prevención ten dado os seus froitos, xa que prácticamente o 100% dos enquisados coñece algún método de protección fronte a transmisión do VIH nas prácticas eróticas, si ben a maioría dos enquisados descoñece que o preservativo feminino é un método de prevención fiable, ao igual que o masculino.

Probas de detección

A enquisa refírese tamén as probas de detección do contaxio, preto de 190 persoas saben que deben pasar alomenos tres meses para que sexa fiable mais gran parte dos enquisados cree, erroneamente, que a proba pódese facer inmediatamente despois da práctica con posibilidade de transmisión. A maioría dos participantes do estudo recurrirían a un centro de saúde ou a un centro Quérote+ para facerse a proba.

Preto do 75% dos enquisados coñece que ser portador do VIH non é o mesmo que padecer o SIDA, porque o primeiro implica que o virus está presente no organismo, mentres que o SIDA é un termo que se aplica a un estado no que está presente algunha infección oportunista asociada ao virus. No obstante, é salientable que máis de 60 persoas descoñecen a diferenza.