BREVES DE ACTUALIDADE

Actualizado:

Máis conexións entre Alvedro e Barajas

O alcalde de Coruña, Carlos Negreira, chegou onte a un acordo con representantes da aerolínea Iberia para incrementar tanto as conexións con Madrid como a capacidade dos avións que operan no aeroporto de Alvedro. Dende o consistorio herculino tamén lle reclamaron á aerolínea que oferte voos máis baratos dende o aeródromo da cidade co fin de aumentar o tráfico de viaxeiros. Así, está previsto que Iberia empece a operar dende Alvedro cos A-321, avións de «máxima capacidade», para 200 pasaxeiros.

Medran os usuarios de trens de media distancia

O número de viaxeiros que utilizan os trens de media distancia en Galicia aumentou un 3,1 por cento durante o ano 2011, acadando os 3.254.000 de pasaxeiros nas liñas que unen as principais cidades galegas. Nun comunicado, Renfe explicou que o corredor Atlántico (A Coruña-Santiago-Vigo), con 2,7 millóns de usuarios, é o servizo que concentra a maior parte de viaxeiros interiores de Galicia e experimenta a maior suba, cun 5 por cento. Neste sentido, destacou a conexión A Coruña-Santiago, con 850.000 usuarios e unha suba do 13 por cento.

Novos tratamentos contra a hepatite C

Un conxunto de novos tratamentos para a hepatite C, os cales se van comercializar no próximo mes en España, «van permitir curar aproximadamente ao 80 por cento das persoas infectadas» por este virus, segundo explicou o doutor Luis Enrique Morano onte en Vigo. Este e outros temas son abordados nun curso coordinado por este médico e que reunirá a 80 facultativos que prestan asistencia a persoas afectadas polo VIH e as hepatites B e C. Segundo explicou o experto, no Hospital Meixoeiro de Vigo estase a tratar a «máis de 30 pacientes» coas novas terapias dende o pasado mes de xullo.

Delitos contra o patrimonio histórico

A Garda Civil investigou durante o ano 2011 un total de 18 posibles delitos relacionados co patrimonio histórico-artístico, a maior parte deles na provincia de Lugo, seguida de Ourense e Pontevedra. En canto á tipoloxía do ben afectado, en catro ocasións tratouse de esculturas relixiosas e en cinco de esculturas de tipo profano. En nove dos presuntos delitos, resultou afectada ourivaría relixiosa e nun dos casos danouse o mobiliario.