Paz-Andrade estrea portal
Unha captura do portal web adicado ao autor pontevedrés - ABC

Paz-Andrade estrea portal

Como antesala á celebración do Día das Letras Galegas, unha nova web rememora a figura do poeta pontevedrés

P. A.
SANTIAGO Actualizado:

A figura do ensaísta pontevedrés Valentín Paz-Andrade, que este ano será o homenaxeado na celebración do Día das Letras Galegas, xa ten un espazo propio na rede. Albergada na dirección www.valentinpazandrade.es, os usuarios atoparán neste portal temático documentos inéditos vinculados «coa súa vida e coa súa produción literaria», segundo adiantou onte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Así, a web incorporará un importante arquivo documental que se irá complementando con elementos multimedia de distinta natureza. A idea é, segundo o propio Lorenzo admitíu durante a presentación da páxina onte na Cidade da Cultura, que o público teña a oportunidade de coñecer a este autor «con maior profundidade».

Para elo, os deseñadores do portal dividiron os contidos en distintas seccións a través das que acceder ao álbum fotográfico do autor ou ás exposicións ás que dá nome, como a que se pode visitar na sede da Fundación Luís Seoane da Coruña ata o próximo 6 de maio. Tamén inclúe unha intersante axenda na que seguir as presentacións a actividades públicas que nos últimos meses se lle están a adicar ao autor.

«A web —explicou Lorenzo— irá incorporando pouco a pouco imaxes e textos inéditos dixitalizados que axudarán a coñecer a Paz-Andrade. Por iso queremos que sexa un espazo activo no que se envorquen e publiquen todo os documentos e toda a información que se vai analizando, para que o mundo poida ter acceso a ela».

Un poemario inédito

Por outra banda e, coincidindo coa presentación da web, o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, informou onte que os encargados da dixitalización dos documentos contan con máis de 15.000 imaxes de textos, entre fotografías, cartas, poemas non publicados, borradores de conferencias e, incluso, documentos dos anos de Andrade como político.

Neste senso, Villares anunciou onte a publicación no mes de maio dun poemario inédito do autor, composto durante a súa estanza en Bogotá como profesor de Economía Pesqueira. Verá a luz baixo o título Canto do pobo disperso.

Na presentación tamén estivo presente o fillo do poeta, Alfonso Paz- Andrade, que recordou a seu pai como «un traballador incansable que soubo proxectar a súa galeguidade internacionalmente».