Xerais publicou a única obra en galego do Nobel Le Clézio, «Mondo e outras historias»

Actualizado: Guardar
Enviar noticia por correo electrónico

ABC

SANTIAGO. Jean Marie Gustave Le Cl_zio obtivo onte o Premio Nobel de Literatura 2008. Xerais publicou en 1987, dentro da colección Xabarín (daquela dirixida por Luís Mariño e X.L. Méndez Ferrín), «Mondo e outras historias», o seu, ata agora, único título en galego. En 1989 a tradución de Valentín Arias e Raquel Villanueva obtivo o Premio Ramón Cabanillas e o Premio Nacional á mellor tradución.

En Mondo e outras historias, protagonistas de nomes exóticos (Mondo, Lullaby, Alia, Daniel Sindbad...), rapazas e rapaces que arelan experimentar toda caste de sensacións, descobren as súas propias fantasías grazas a viaxes que realizan a poder de imaxinación. Suxeridoras viaxes que nos levan a Barasali, Dahlar Kebir ou Hazaran, onde a luz, a cor, o sol, rexen as súas vidas que precisan saír ó mar, botárense ó mundo á procura dos seus soños. Son adolescentes, cos seus problemas, que procuran a natureza como elemento liberador.

Segundo se recolle na nota introdutoria da edición, preparada polos tradutores galegos, os textos de Le Clézio posúen un «raro poder», o don poético de abolir as fronteiras, todas as fronteiras, as que separan ao home das cousas, as que separan as cousas entre si, e tamén as fronteiras do home dividido, separado en compartimentos estancos no seu propio existir.

«Este escritor, tan nostálxico ás veces, representa a vida de hoxe, lamenta a destrución da natureza, a proliferación das cidades de cemento e a tiranía da civilización mecánica na que todos estamos inmersos.» Para concluír, «a lectura fácil de Le Clézio preséntase baixo un modelo de ciencia-ficción na que a procesión de visións nos deixa un camiño aberto para unha filosofía-ficción».

A tradución deste libro de oito contos, a primeira versión noutro idioma distinto do orixinal francés, actualmente está agotada.

O escritor da ruptura

Jean-Marie Gustave Le Clézio naceu o 13 de abril de 1940 en Niza, onde fixo os seus estudos no liceo para proseguir na Universidedade de Letras, onde se licenciou en 1960; logo traballou en Inglaterra, na Universidade de Londres. Aos seus 23 anos revelouse como un gran escritor coa publicación da súa primeira obra Le proc_s verbal (1963), que obtivo o Premio Renaudot e que supón xa unha ruptura coa literatura precedente.

A partir dese momento a súa produción incrementarase cada ano. «La Fi_vre» (1965), «Le Déluge» (1966), «L´ Extase matérielle» (1967), «Terra Amata» (1967), «Le Livre de Fuites» (1970), «La Guerre» (1970), «Lullaby» (1970), «Voyages de L´ autre Côté» (1975), «Mondo et autres histoires» (1978), «Desert» (1980), «Le Chercheur d´or» (1985), «Hasard» (1999) e «L´ Africain» (2004) son algúns dos títulos do seu extenso catálogo narrativo que acada case as cincuenta obras publicadas, na sua maior parte por Editions Gallimard. A súa última novela, Ritournelle de la faim, apareceu nas librarías francesas o pasado día 2 de outubro. A Academia Sueca na adxudicación do Nobel definiuno como «escritor da ruptura, da aventura poética e da extase».