Víctor Freixanes - Tribuna

Un sitio no mundo

A principal lección de Antonio Fraguas é a lealdade a esta lingua, este patrimonio común, que avanza coma un río dende a memoria dos avós e nos dá un sitio no mundo e na modernidade

Víctor Freixanes
Actualizado:

Cando os académicos da Real Academia Galega valoran a elección da persoa á que se lle dedica o día grande da nosa lingua, o Día das Letras Galegas, consideran fundamentalmente tres aspectos: a biografía que se salienta, a significación e estima da obra, e a proxección social, é dicir, a reflexión ou debate que a figura homenaxeada pode ofrecer ao conxunto da sociedade, moi especialmente ás xeracións novas, no ámbito escolar principalmente, que é onde a celebración do 17 de maio ten máis capacidade de mobilización.

O que empezou sendo un día de referencia, data creada pola institución para honrar e reivindicar a lingua a través do seu cultivo literario, comezando pola figura fundacional de Rosalía de Castro e a primeira edición de Cantares Gallegos (do 17 de maio de 1863), co tempo medrou con tanto pulo, con tanta capacidade de conciliación e aceptación social, que hoxe é unha onda expansiva nos ámbitos máis diversos: no mundo do ensino, no asociacionismo cultural, no ámbito institucional, na empresa privada, nas industrias da cultura e da comunicación, no comercio, entre particulares…

As Letras Galegas son de todos, e este é un triunfo obxectivo da iniciativa. Certo que o compromiso e a celebración (tamén a reivindicación) son moi diversos, dende a posición case puramente litúrxica, coas retóricas propias do caso, conmemoración dun día que se esquece logo que pasa a romaría, ata outros niveis de probado compromiso que atinxen planos e públicos moi diversos. Mais o gran mérito do 17 de maio é a súa capacidade de mobilización integradora. Con diversas intensidades, repito. Pero oxalá tivésemos máis iniciativas destas características, non só no ámbito da lingua e da cultura (que tamén, pois queda moito camiño por andar) senón noutras frontes como a educación, a organización do territorio (reorganización necesaria), as políticas de igualdade e de xénero, a planificación do sector público, as estratexias para a defensa do medio, a sanidade…

Queda moito camiño por andar arredor da lingua. O galego ten problemas obxectivos que non imos disimular, moito menos agochar detrás dunha onomástica. Dende a celebración primeira de 1963 demos pasos moi importantes na dignificación, no uso e no coñecemento do idioma. Malia séculos de abaixamento e non poucas políticas de aldraxe, o galego está aquí, pode presumir dunha capacidade de creación cultural, estima institucional e recoñecemento que hai medio século non tiña, non digamos no tempo dos nosos avós. A realidade democrática que gozamos logo da Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía de 1981, mesmo coas súas limitacións e, sobre todo, coas contradicións ou insuficiencias das políticas en exercicio, configuran un marco de liberdades no que a lingua ten unha consideración formal (e oficial) como nunca tivo na historia, alén dos séculos medievais.

Mais o galego, insisto, ten problemas, e acaso nestas datas máis ca noutras, pola significación que teñen, convén non esquecelo. O mundo existe alén das nosas fronteiras. A globalización é unha realidade filosófica, política, comercial e tecnolóxica. Velaquí o desafío que impoñen os tempos. O máis preocupante, na miña opinión, é o devalo de uso que se está a producir nas xeracións máis novas. Devalo relativo, se enxergamos a situación con matices. O coñecemento da lingua a través do sistema educativo é mellorable, pero existe. A eiva principal son os espazos de socialización, os recursos de uso, ofertas de lecer, comunicación, consumo, estima laboral recoñecida etc., que o idioma necesita, que a Lei de Normalización Lingüística xa apuntaba en 1983, mais que ou se ignoran (non inocentemente) ou sinxelamente non se cumpren. Parécenos especialmente inxusto e escandalosamente demagóxico o discurso que pretenden impoñer certos sectores segundo o cal alguén vén impoñendo a lingua galega no sistema como un abuso contra os dereitos da cidadanía. Todo o contrario! O dereito da cidadanía consiste en poder exercer, estimar e transmitir aos fillos e ás fillas, ás novas xeracións, os valores que nos explican e nos que historicamente nos recoñecemos. A principal lección de Antonio Fraguas é a lealdade a esa lingua, este patrimonio común, que avanza coma un río dende a memoria dos avós e nos dá un sitio no mundo e na modernidade.

Víctor FreixanesVíctor Freixanes