Outra torre no ar

Actualizado:

Ofroito exitoso do esforzo colectivo de todo un pobo: tal é a definición que lle acae á monumental Torre de Hércules -que acaba de ser escollida polo Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO coma monumento Patrimonio da Humanidade-, como á campaña social que conseguiu levar adiante o que xa tódolos galegos sabíamos e agora vemos refrendando para futuro deleite das xentes de tódalas terras e linguas.

Única candidatura do estado español, a Torre tivo que competir con propostas sumamente interesantes doutros países, algúns dos cales tamén conseguiron entrar no panteón sacro do Patrimonio Mundial: espazos como as construccións modernistas de Le Corbusier, o pazo barroco de Schwetzingen, as Tumbas reais da dinastía Joseon, a «Italia Langobardorum» ou os conxuntos de montes e templetes en Wutai, China. Todos, sen dúbida, máis que merecentes, mais que nalgúns casos van ter que agardar a unha futura ocasión.

É a excepcionalidade da Torre da cidade herculina unha das claves para entender a chegada a bo porto da súa nominación, que resultou aprobada unánimemente polo comité encargado de avaliala.

Único faro que fica da época dos Romanos, cando as costas galaicas representaban o finis terrae do mundo coñecido a onde acudían os lexionarios para contemplar o astro rei afundíndose no espello cristalino do Océano Atlántico (moitos perxuraban escoitar un zumbido de vapor fervendo, ferros e de metais ardentes a gurgullear nas augas con cada posta de sol), a Torre de Hércules é tamén o faro máis antigo en funcionamento do mundo.

Mais alén das realidades físicas, é tamén un escenario de mito e de fantasía que trascende dos sólidos sillares da súa alta Torre: as lendas contaban da chegada ao norde do heroe por antonomasia da mitoloxía grega, Herakles o das doce probas, que nun rodeo trala derrota do xigante Gerión, tería enterrado a súa cabeza no chan da futura Coruña e erguido unha torre para conmemorar a victoria.

As sombras da lenda parecen apuntar á realidade tanxíbel do comercio fenicio e logo grego coas Illas Casitérides (a costa galega, Cornualia) na pescuda do valioso estaño. E un faro primitivo para mellor sulcar as augas denantes nunca navegadas o toparía no escenario da Brigantia pre-romana o conquistador latino. Eis, quizaves, a Torre de Breogán desque segundo o ciclo mitolóxico irlandés (tal e como aparece no Libro das Invasións, Leabhar Ghabhála) Ith, fillo do caudillo celta, tería contemplando nunha mañá sen nubes as lonxanas e verdes costas de Eire.

Aínda hoxe se gaban os gaélicos da ascendencia hispana, e o fértil imaxinario galaico da voltas ao mythos dende o verso pondaliano ao moderno xogo de rol (As Crónicas de Gaídil, primeiro rol-game galego ten por escenario unha Galicia celta e fabulosa á sombra dun xingantesco Farum Brigantium). Mais voltando á materialidade, o certo é o que o Faro que coñecemos é un tesouro de época romana (tal testemuñan a arqueoloxía, as inscripcións atopadas e as crónicas de Orosio) convertida na Idade Media nunha fortaleza e, coma todo corpo vivo, suxeito a varias reparacións e vendaxes.

Así, no século XVII o Duque de Uceda mandou unhas reparacións parciais que continuarían no século seguinte, co actual forraxe neoclásico do corpo pasado, obra e gracia do italián Eustaquio Giannini ás ordes de Carlos IV. Nestas horas de celebración e de ledicia, a Torre de Hércules únese aos outros tres depositarios do Patrimonio Mundial de raigame galega: as Muraias (tamén romanas) de Lugo, o casco histórico de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago.

Eis os referentes do pasado que constitúen o noso orgullo e un facho acendente cara o noso porvir, tanto máis luminoso porque dende hoxe está apousentado dentro dun Faro.