Ortigueira coloca o listón nos 100.000 visitantes para o próximo verán

E. P. G.
SANTIAGO Actualizado:

A XXVI edición do Festival Internacional do Mundo Celta, que acollerá a localidade coruñesa de Ortigueira entre os días 8 e 11 de xullo, apostará este ano 2010 polos «novos grupos» e os «novos estilos» co obxectivo de atraer ata este municipio a máis de 100.000 festivaleiros.Así o explicaba onte o coordinador do festival, Alberto Balboa, que indicou que nesta ocasión decidiron volver a un cartel «100 por cento celta», apostar polos novos grupos e promover «novos estilos», como o folk-rock.

Estas propostas innovadoras centraranse no xoves día 8, a primeira xornada do festival, que se reforzará con respecto a outros anos para acoller as propostas de «rock celta» dos bretóns Kreposuk, os ingleses Oysterband e os españois Celtas Cortos. Posteriormente, o venres e o sábado, explicou Alberto Balboa, o evento volverase «máis tradicional», coa suba ao escenario Estrela Galicia de Marful, a Escola de gaitas de Ortigueira, Cristina Pato, os irlandeses Afterhours e os cataláns Qui Hi Ha?, aínda que neste apartado aínda quedan «por pechar» un par de actuacións.

O sábado, que aínda non esta pechado, será a quenda de Anxo Lorenzo Band, os estadounidenses Gaelic Storm, s escoceses Shooglenifty e os andaluces Rare Folk. Segundo destaco Alberto Balboa, este ano se apostará por unha programación «moi internacional», na que o 70 por cento dos grupos actúan por primeira vez neste festival e se intensificarán os concertos na Alameda para compensar a retirada de espectáculos o domingo pola noite.

O domingo día 11 celebrarase en Ortigueira o «Proxecto Runas», de promoción de «novos valores da música folk» e terá lugar a exhibición de bandas de gaitas, onde participarán entre 400 e 500 gaiteiros de Galicia, Portugal, Bretaña, España e Escocia.

Entre outras actividades, durante as 96 horas de acampada libre e gratuíta do festival, celebraranse talleres de zanfona, regueifa e baile tradicional, entre outras disciplinas. Este «clásico da axenda musical» galega, segundo indicaron, conta nesta ocasión co patrocinio do Xacobeo, que achegará 200. 000 euros á celebración; así como de Estrela Galicia, que participa con 150.000 euros, a Deputación Provincial de A Coruña, con 100.000, e outras entidades como Gadisa ou Coca Cola. Entre todas estas organizacións e o concello tratarán de sufragar os 650.000 euros que custa a organización do evento, dado que a entrada e a acampada son totalmente gratuítas.

Durante o pasado ano, o Festival de Ortigueira reuniu preto de 100.000 persoas nos seus días de máis afluencia, unha cifra que a organización espera superar este ano co tirón do Xacobeo. Así mesmo, o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, destacou a posibilidade de que o contexto de crise favoreza ao evento, dado que toda a oferta é gratuíta.