O Consorcio Audiovisual e Aisge convocan un novo curso de dobraxe

ABCSANTIAGO. O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE convocan hoxe un novo Curso de Dobraxe coordinado por Luís Iglesia, en vista do éxito das anteriores edicións, que remataron cun

Actualizado:

ABC

SANTIAGO. O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE convocan hoxe un novo Curso de Dobraxe coordinado por Luís Iglesia, en vista do éxito das anteriores edicións, que remataron cun alto nivel de inscritos e cun elevado índice de satisfacción, segundo as enquisas realizadas.

Ademais, é patente a demanda que se dá tanto por parte do público, así como tamén por parte da propia TVG e das produtoras de dobraxe, dunha renovación nas voces que se escoitan desde que hai 20 anos se comezou a dobrar ao galego a produción audiovisual foránea. Por isto se fai necesaria a creación dunha nova canteira de actores de dobraxe e locutores cualificados para esta profesión.

Os actores de dobraxe teñen que descodificar distintas linguaxes que se superpoñen no orixinal do produto audiovisual, por iso este curso pretende achegarse a cada unha delas para analizalas, debullalas e adestrar os aspectos que require esta técnica dende o proceso de visionamento ata o de gravación.

Para a selección dos 16 participantes teranse en conta os seguintes criterios: correcto uso do galego falado, capacidade interpretativa, valoración do currículo, etc., en función dunha proba de idoneidade que coordinará o propio titor do curso

O curso será impartido por Luís Iglesia, actor e director de dobraxe con máis de vinte anos de experiencia, voz habitual de Robert de Niro, Harrison Ford, Paul Newman, ou Mel Gibson. Iglesia conta cunha importante experiencia como docente, froito da súa experiencia multidisciplinar.

Os cursos do Consorcio Audiovisual de Galicia confórmanse, ademais de por un programa de corte teórico, dunha parte práctica. Neste caso os participantes traballarán nunha sala de dobraxe nas mesmas condicións técnicas e artísticas nas que se desenvolve esta profesión a cotío, dobrando fragmentos de películas, series, debuxos animados ou documentais.

A actividade, que durará un total de 120 horas, terá lugar do 17 de decembro ao 29 de xaneiro en horario de tarde na Sala de Dobraxe da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e contará coa colaboración de importantes profesionais, como Marisa Lois, médico-foniatra especialista en educación da voz, que impartirá un módulo específico; Charo Pena, actriz e directora de dobraxe, voz de Meryl Streep, Julie Andrews, Sharon Stone ou Susan Sarandon; Xosé Antonio Rubal, actor e director de dobraxe, que coordinou a dobraxe de series e películas de grande sona, como Apocalypse now ou Pulp Fiction; ou Alfonso Valiño, voz de Gary Cooper, Rod Steiger, Bob Hopkins ou Morgan Freeman.

Todos eles aportarán distintos estilos na dirección da dobraxe, ademais de expoñer as súas experiencias no mundo profesional.

Terá lugar do 17 de decembro ao 29 de xaneiro