O Colexio de Fonseca acolle a mostra «Tientos e silencios» sobre Bal y Gay

Actualizado: Guardar
Enviar noticia por correo electrónico

ABC

SANTIAGO. A exposición «Tientos e silencios. Jesús Bal y Gay (1905-1993)», coa que a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais (SECC), a USC, a Xunta, a Residencia de Estudiantes e Lugo Cultural conmemoran o primeiro centenario do nacemento do músico lucense, inaugurouse en Santiago logo do seu paso pola cidade lucense.

Ao acto de apertura asistiron, entre outros, o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o presidente da SECC, José García-Velasco; a directora da Residencia de Estudiantes, Alicia Gómez-Navarro; o comisario da mostra, Carlos Villanueva; a concelleira de Cultura e Turismo de Lugo, Concepción del Burgo; a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto; e os vicerreitores de Extensión Cultural e de Coordinación do Campus de Lugo, Mar Lorenzo e Carlos Herrero, respectivamente.

Todas as institucións organizadoras colaboraron nesta mostra para «devolver» ao compositor, musicólogo e ensaísta galego Jesús Bal y Gay «ao lugar que merece ocupar dentro da historia intelectual contemporánea», como sinalou José García-Velasco, «non só polo seu legado musical e textual senón tamén polo labor de conexión que realizou entre as diversas artes tanto dentro coma fóra de España».

«Prestixioso nome da nosa historia»

Na súa prolífica vida personal e académica incidíu tamén a directora da Residencia de Estudiantes, da que Bal y Gay foi un «destacado alumno» e «un perfecto exemplo do espírito da casa, do modelo de intelectual e creador que a Residencia e o seu director Alberto Jiménez Fraud se propuxeron formar seguindo as liñas pedagóxicas da Institución Libre de Enseñanza». Deste xeito, coa exposición téntase achegar a figura de Bal y Gay aos galegos e á sociedade en xeral para así, segundo afirmou Concepción Burgo, «arranxar o esquecemento no que inxustamente permaneceu o intelectual lugués».

Na inauguración, na que a conselleira de Cultura sinalou a Bal y Gay como «un dos máis prestixiosos nomes da nosa historia cultural», o reitor lembrou a homenaxe que xa se lle fixera en 1980 na USC coa estrea en España do seu Divertimento para cuartetos de maderas, dentro dos Xoves Musicais da Universidade, e máis recentemente dándoselle o nome de Bal y Gay á residencia que a institución docente ten en Lugo.

«Jesús Bal y Gay -rematou o reitor-quedará vinculado á memoria desta Universidade, na que cursou estudos nos anos 30, ao manter unha íntima relación con estudantes e profesores nos anos 1927 e 1928 e, máis adiante, na tarefa de construír un ideario galeguista, progresista e de vangarda».