A literatura galega pon rumbo á Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia

R. G.
SANTIAGO Actualizado:

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Difusión e Promoción da Cultura, leva á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia 2010 (Italia) un stand propio no que se mostrarán as novidades editoriais galegas e darase a coñecer a obra dos autores galegos nunha das principais citas anuais do mundo editorial.

Esta feira vai ter lugar na cidade italiana de Bolonia dende hoxe ao 26 de marzo e contará coa presenza do director xeral de Difusión e Promoción da Cultura, Francisco López. Esta xornada, a do comezo da feira, Francisco López participará na rolda de prensa de presentación do Congreso do IBBY, que se celebrará o vindeiro mes de setembro en Santiago de Compostela. O 24 de marzo, o director xeral presentará no stand o catálogo do libro infantil e xuvenil coordinado por Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e editado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Nesta ocasión, serán 17 as editoriais galegas que expoñan os seus produtos no Stand de Galicia: Kalandraka (inclúe Factoría K), Everest Galicia, Rodeira,Baía, OQO, A Nosa Terra, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Nova Galicia, El Patito Editorial, Sotelo Blanco, Tambre, Biblos Clube de Lectores, Obradoiro - Santillana, Galaxia,Primera Persona, Toxosoutos e Xerme.

Os escritores Antonio García Teijeiro e Fina Casalderrey tamén estarán en Bolonia para participar en diversas presentacións con axentes e editores de diversos gremios e asociacións europeas.

Asemade, asistirán os ilustradores David Pintor, seleccionado pola organización da feira para a mostra de ilustradores e Manel Cráneo, proposto pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. A literatura infantil galega está a pasar un dos seus mellores momentos, sendo referencia internacional alén das nosas fronteiras.