Galaxia recibe a Medalla de Galicia pola súa contribución á cultura galega

ABCSANTIAGO. A contribución da editorial Galaxia á cultura galega e defensa dos intereses de Galicia dende a súa fundación, así como a recuperación da lingua e a cultura durante o franquismo son os

Actualizado:

ABC

SANTIAGO. A contribución da editorial Galaxia á cultura galega e defensa dos intereses de Galicia dende a súa fundación, así como a recuperación da lingua e a cultura durante o franquismo son os motivos subliñados polo presidente da Xunta para a concesión da Medalla de Ouro de Galicia á editorial.

Na intervención posterior ao Consello da Xunta que aprobou a concesión da medalla, o máximo mandatario autonómico explicou que Galaxia «sempre destinou o seu impulso e a súa orientación con comprometidos galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto» dende a súa fundación o 25 de xullo de 1950 baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo.

Creación de liberdade

O presidente destacou que estas tres personalidades orientaron desde o primeiro momento a editorial co compromiso pola recuperación da lingua e a cultura galega e ao servizo de creación de liberdade durante a ditadura franquista.

A editorial xurdiu coa vocación de recuperar a significación histórica e o valor cultural da lingua galega na creación e na transmisión do pensamento. «Antífona da Cantiga» de Ramón Cabanillas foi o primeiro libro publicado polo selo en 1951. Simultaneamente á edición dos primeiros libros, comezou a publicar a revista cultural, «Cadernos Grial», que foi prohibida e non volveu a circular ata 1963.

Ademais, a editorial impulsou a creación de varias fundacións culturais, como a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo e Illa Couto.