Os editores ven con esperanzas os proxectos para o sector do libro

A. M./
Actualizado:

SANTIAGO. Os responsables das principais editoriais galegas amosáronse esperanzados ante o anuncio do conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, sobre a conversión do libro nun sector estratéxico. Aínda que algúns se amosaron cautos, «á espera dunha maior concreción», como o caso do director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, todos coincidiron en sinalar que se abría un novo período nesta industria, a máis representativa da cultura galega. A presidenta da Asociación de Editores Galegos, Fabiola Sotelo, non dubidou en cualificar de «fantásticas» as palabras do conselleiro, sobre todo despois de ser «unha reivindicacións que desde a asociaciación reclamamos hai anos, buscando os mesmos beneficios que ten actualmente o audiovisual».

Sotelo, que considera o anuncio unha boa noticia para o congreso de editores da próxima semana, subliña o feito de que esta sexa a primeira vez en que Pérez Varela fala do tema en público. Isto, ó seu xuízo, supón un indicador de que a nova lexislación podería estar ultimada no verán. Manolo Bragado, director de Xerais, a empresa do sector cun maior movemento comercial do país, insiste na idea de que o proxecto era xa unha medida que eles reclamaban con insistencia, e que ata agora nunca lograra eco na consellería. Se referiu ó día do anuncio como «un día de alegría», sempre e cando, matizou, «as intencións se convertan en compromisos reais».

O director de Xerais refírese abertamente á crise do sector e do seu modelo de crecemento, algo que, ata agora -indica- non se asumía desde o Goberno da Xunta. Sen embargo, «por fin, recoñécese a crise e fálase de asumir novos retos», valora positivamente Bragado, entusiasmado tamén por un previsible desenvolvemento bibliotecario. Os editores non ocultan que os bos resultados acadados polo audiovisual, tras a súa declaración de carácter estretéxico, pode traducirse tamén en beficios para as empresas editoriais, aqueixadas nos últimos anos dunha crise que ameaza a subsistencia do sector.

É de subliñar que fronte ó 25 por cento de índice de lectura en catalán, o galego ten só un 18%, un dato que -dixo Bragado- «Pérez Varela non esqueceu no seu anuncio».