Creadores galegos impulsan a lingua nos lectorados de Gales e de Rennes

R. S. C.SANTIAGO. Os lectorados de lingua e cultura galegas das universidades de Bangor, en Gales (Reino Unido) e de Rennes (Francia) organizan neste mes un ciclo de actividades nas que participan

Actualizado:

R. S. C.

SANTIAGO. Os lectorados de lingua e cultura galegas das universidades de Bangor, en Gales (Reino Unido) e de Rennes (Francia) organizan neste mes un ciclo de actividades nas que participan creadores galegos e coas que se pretende traspasar o ámbito universitario na difusión exterior do idioma.

O Centro de Estudos Galegos de Gales vén de inaugurar a Residencia de Escritoras e Escritores Galegos coa estadía da poeta María do Cebreiro. Durante un mes, a autora fará achegas académicas e creativas ao programa de ensino do galego que se desenvolve nesta universidade e entrará en contacto cos creadores daquela cultura.

O programa de estadía inclúe encontros literarios arredor do concepto de poesía e identidades, recitais poéticos, mesas redondas e conferencias. A creadora galega disertará sobre as mulleres escritoras na Península Ibérica e sobre a combinación do enfoque académico e creativo aplicado á literatura. Ademais, impartirá unha conferencia que leva por título «Espectros da nación. Formas de resistencia ao nacionalismo literario». As actividades organizadas con motivo desta primeira estadía na Residencia de Escritoras e Escritores galegos en Gales rematarán o 20 de marzo.

Na Universidade de Rennes, a banda deseñada galega será o eixe dunha xornada que se vai celebrar o 11 de marzo e na que van participar Henrique Torreiro e Kiko da Silva. Este último dirixirá un obradoiro sobre a narración e a creación de personaxes de banda deseñada nas diferentes culturas.

O 12 de marzo, o lectorado de Rennes programa outra xornada sobre a «Literatura medieval galega», na que intervirá Mercedes Brea.