As clases sen fume logran reunir a 5.500 mozos de 104 centros da ESO

ABCSANTIAGO. Un total de 5.438 mozos e mozas galegas de primeiro e segundo de Educación Secundaria Obrigatoria pertencentes a 104 centros escolares participaron en «Clases sen Fume 2007-2008». As

Actualizado:

ABC

SANTIAGO. Un total de 5.438 mozos e mozas galegas de primeiro e segundo de Educación Secundaria Obrigatoria pertencentes a 104 centros escolares participaron en «Clases sen Fume 2007-2008». As conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e de Sanidade, María José Rubio Vidal, entregaron onte os 14 premios, no Auditorio de Galicia en Santiago.

Os traballos recibidos abranguen dende a realización dun lema, ata o desenvolvemento de actividades artísticas, como obras de teatro, audiovisuais, cancións ou bailes. Rubio Vidal alegrouse da alta participación no concurso, posto que son mil alumnos máis que o ano pasado, e os centros galegos supoñen o 21% da participación total a nivel estatal.

Os galardóns

Os primeiros premios correspondéronlles aos escolares dos centros docentes Instituto de Educación Secundaria nº1 Politécnico, de Lugo; Niño Jesús de Praga, de Vigo, e o IES Martaguisela do Barco de Valdeorras, na provincia de Ourense. Tamén foron premiados os traballos dos centros da provincia de Pontevedra, IES de Chapela e o colexio Compañía de María.

Na provincia de A Coruña, os centros IES Rafael Puga Ramón, Colexio de Baión de Ribeira, o colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, e o colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela; e, tamén, os colexios IES Gregorio Fernández e o Colexio Nuestra Seroña de la Asunción de Lugo; e o IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia.

Así, en total, máis de 300 escolares foron premiados polas actividades realizadas ao longo do concurso con premios como unha fin de semana na Warner, programas multiaventuras en Gandarío e Manzaneda, MP4, ou entradas para pasar un día no parque acuático de Cerceda. Ademais tamén se concedeu un galardón, como nas tres anteriores edicións, a participación en Fogares sen Fume. O vencedor nesta ocasión, Miguel Hernández Rodríguez-Losada, do curso primeiro A do Colexio Peñarredonda da Coruña, irase de fin de semana a un parque temático xunto cos seus pais e irmáns.

«Como sabedes -díxolle Rubio Vidal ao alumnado presente no acto-o tabaquismo é un dos maiores problemas sanitarios ao que nos enfrontamos».