Os centros de ensino privado poden optar ás axudas para o fomento do galego

ABCSANTIAGO. Os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas non universitarias poden optar desde onte ás axudas que

Actualizado:

ABC

SANTIAGO. Os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas non universitarias poden optar desde onte ás axudas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para financiar proxectos de fomento de uso do galego.

A resolución, publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia, aféctalles aos proxectos incluídos na programación anual de actividades aprobadas polos centros, e establece que os criterios de cualificación dos mesmos serán a súa calidade e o número de estudantes do centro. A calidade do proxecto terá un peso do 80 por cento e será puntuada de 0 a 24 puntos, en función da implicación activa dos membros da comunidade no proxecto, a orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos; a potenciación das competencias activas sobre as pasivas; a utilización de novas tecnoloxías; a colaboración con outras entidades e con outros centros educativos; a realización de actividades plurianuais, e a diversificación destas ao longo do curso.

O número de estudantes terá un peso do 20 por cento, e a cada centro concederáselle un máximo de 6 puntos. O importe das axudas ascende a 81.250 euros, e a contía máxima que se lle poderá conceder a cada proxecto será de 2.500 euros.

A convocatoria destas subvencións forma parte dos obxectivos da Secretaría Xeral de Política Lingüística para apoiar o traballo dos equipos de normalización e dinamización lingüística. Coa pretensión, ademais, de dar a coñecer o seu labor e de facer partícipes a todos os membros da comunidade educativa das experiencias máis innovadoras que poidan servir como ferramentas útiles para outros centros, Política Lingüística ten á disposición de todos os interesados, na súa páxina web, os proxectos que recibiron os Premios á Innovación en Normalización e Dinamización Lingüística.

Estes premios, dotados con 2.000 euros cada un deles, recaeron, na pasada edición, nos proxectos desenvolvidos polos institutos de ensino secundario Félix Muriel, de Rianxo; Porta da Auga, de Ribadeo; Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra; Perdouro, de Burela; Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra; Laura Olmo, do Barco de Valdeorras; e Chapela, de Redondela. Resultaron tamén premiados os proxectos da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, o centro de educación infantil e primaria Isidora Riestra, de Pontevedra, e o colexio rural agrupado Nosa Señora do Faro, de Ponteceso.