Hazte premium Hazte premium

DÍA DAS LETRAS

Antonio Fraguas, o valedor da cultura labrega

Homenaxe a un autor fundamental que recuperou na escrita a voz do pobo

Antonio Fraguas, no Museo do Pobo Galego onde foi director durante moitos anos MUSEO DO POBO GALEGO
Natalia Sequeiro

Esta funcionalidad es sólo para registrados

Antonio Fraguas (Cotobade, 1905- Santiago 1999) será lembrado sempre por recuperar a voz do pobo. «Chegou no momento preciso para recoller os piares da nosa cultura, o noso mundo campesiño que xa estaba a desaparecer», apuntou Francisco Díaz-Fierros, encargado de defender na Real Academia Galega a candidatura do historiador e xeógrafo, que hoxe será homenaxeado polo Día das Letras. A RAG lembrará o seu legado nun pleno extraordinario na carballeira de Famelga , na súa vila natal, ao pé da súa escola. Alí un dos seus primeiros mestres convenceu á familia de que o rapaz debería estudar unha carreira en vez de converterse en maquinista de trens.

Ao longo da súa dilatada traxectoria, Fraguas foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, etnógrafo, historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común. A súa biografía ofrece un percorrido por boa parte da historia galega do século XX no que «contribuíu ademais a proxectar o galego como vehículo de expresión válido para calquera coñecemento», destaca a RAG. Foi «unha ponte entre a Galicia actual, a Galicia do século XX e a Galicia que fomos» , explica a Ep, Malores Villanueva, autora da biografía que publica a Editorial Galaxia.

Alumno de Castelao ou Antón Losada Diéguez no bachalerato en Pontevedra, Fraguas ocuparía anos despois a cadeira do autor de «Sempre en Galiza» cando o 8 de maio de 1956 ingresou na Real Academia Galega. Afirmou sentir un «medo tremendo». Pronunciou un discurso titulado «As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán», un texto que agora recupera a RAG, e que estaba fiado por versos populares. F oi precisamente no estudo da cultura labrega, en especial da súa parte espiritual, onde máis destacou a súa obra. Festas, crenzas, romarías, cantigas, usos e costumes, dicires, etc aparecen nos seus ensaios e conferencias. Antonio Fraguas escribiu tamén sobre xeografía; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, e fixo tamén achegas á arqueoloxía.

Profesor

A Facultade de Filosofía e Letras foi o primeiro lugar no que Fraguas exerceu como ensinante, en calidade de profesor auxiliar. En 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil polo seu activismo político, que o levou a ser secretario xeral do Partido Galeguista deste concello pontevedrés e un militante moi implicado na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. A represión sufrida obrigouno a dedicarse ao ensino privado, malia que unha vez revisado o seu expediente de depuración, volveu a docencia de novo na Facultade de Filosofía e Letras. Despois lograría praza de catedrático de instituto. Primeiro en Lugo e despois en Santiago de Compostela, o que lle permitiu seguir dando clase nas aulas da Universidade . O protagonista do Día das Letras Galegas 2019 compaxinou sempre ao longo da súa carreira o ensino coa investigación, en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega.

En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente e que se fundou cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. Fraguas foi tamén coordinador da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega e desde todas estas institucións organizou e colaborou en congresos e xuntanzas científicas que serviron de foro de discusión e de posta ao día do universo da etnografía de noso.

Nos últimos anos da súa vida, o homenaxeado polo Día das Letras recibiu numersoas distincións e recoñecementos. Entre outras destacan o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao , o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia , ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.

Hoxe numerosos actos están programados para lembrar a súa figura. Ademais da homenaxe da RAG en Cotobade, o Consello da Cultura Galega organiza un concerto protagonizado pola orquesta folk SonDeSeu no Auditorio de Galicia en Santiago. No Museo do Pobo Galego pode visitarse unha exposición sobre un dos seus fundadores e director na que se amosa a biografía de Fraguas e os diferentes campos do seu traballo, arqueoloxía, xeografía, historia e arte, etnografía e divulgación. Destaca tamén a proposta da Cidade da Cultura, que impulsa unha lectura participativa, tamén a través das redes sociais, das obras do homenaxeado .

Esta funcionalidad es sólo para suscriptores

Suscribete
Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación