Hazte premium Hazte premium

Alberto Núñez Feijóo - Día das Letras Galegas 2021

Os galegos, unidos polo galego

¿Houbo outra época na historia do noso país en que a lingua galega tivera a consideración e as posibilidades que ten hoxe? A resposta ten que ser negativa

Alberto Núñez Feijóo

Se no futuro alguén quere caracterizar estes corenta anos de autogoberno (1981-2021) terá que falar dun Novo Rexurdimento. Mentres que o primeiro foi fundamentalmente literario, o segundo abrangue todo tipo de actividades e sectores. Estes días facemos balance desas catro décadas nas que o noso país se transforma mediante unha milagre protagonizada por galegos de diferentes xeracións, unidos por un desexo común.

Comparamos dereitos e liberdades, sanidade, educación, e magnitudes económicas de todo tipo, para concluír que a nosa sociedade fixo unha revolución moi profunda, grazas a unha evolución tranquila que nos permite, entre outras cousas, afrontar unha pandemia con recursos, eficiencia e responsabilidade social. Entre todos fixemos realidade as sabias palabras de Alfonso Rodríguez Castelao: « O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos ». Temos realidades e feitos.

Pera esa transformación da que falamos non é soamente material. O Novo Rexurdimento fainos tamén recuperar aspectos da nosa identidade que non son medibles en estatísticas, pero que inflúen no ánimo colectivo. A lingua ocupa un lugar capital porque é unha ferramenta de comunicación e a maneira de expresar a parte máis singular da nosa idiosincrasia. Sen a lingua galega Galicia está incompleta. Sen a lingua galega as culturas lingüísticas estarían incompletas porque no concerto que forman todas elas habería un baleiro que ninguén podería cubrir.

Fronte a moitos séculos de resistencia e supervivencia, catro décadas é un período moi curto. Convén que se teña en conta antes de facer un avaliación xusta do conseguido neste período. O galego recupera prestixio, presenza social, categoría de lingua docente, de idioma de creación e de aprendizaxe. Ningún galego é alleo ao seu idioma, aínda que quede moito camiño por percorrer. Tan errado sería conformarse afirmando que estamos nunha situación óptima como negar que o idioma acompaña á Galicia no seu desenvolvemento das últimas décadas. A pregunta é tan sinxela como a resposta. ¿ Houbo outra época na historia do noso país en que a lingua galega tivera a consideración e as posibilidades que ten hoxe ? A resposta ten que ser negativa.

É importante o que logramos, pero sobre todo como o logramos. Eludindo o conflito, facendo do galego unha bandeira común, conseguindo que a lingua abrira portas e non as pechara. Hai un modelo galego de crecemento económico, de prestación de servizos, un modelo galego de solidariedade e de pertenza, e tamén un modelo de convivencia lingüística baseado na inclusión. Parte da convicción de que a unidade do país é o que lle da forza. Susténtase na idea de que os galegos teñen sempre un común denominador que é o idioma porque, en definitiva, somos « un país de palabras » ao dicir de Carlos Casares.

Xela Arias, traballadora das palabras como poeta, tradutora, editora e mestra, é unha das protagonistas do Novo Rexurdimento. Aporta un zume rebelde, inconformista e innovador que todo pobo precisa para seguir avanzando. Dela quédanos non soamente unha obra que inaugura novos vieiros, senón tamén una posición vital que a convirte en exemplo.

A mellor homenaxe é lela, comprendela e así facer que « quede en nós », tal como se dicía na conmemoración do primeiro cabodano do seu pasamento.

O pasado ano foi Carvalho Calero a figura central do Día das Letras Galegas. El e Xela Arias pertencen a xeracións diferentes e abordan dende distintos puntos de vista o traballo a prol do idioma. Ambos, porén, son partes insubstituíbles de Galicia porque o noso é un país plural no que a lingua establece vencellos irrompibles. Os galegos, en suma, estamos unidos polo galego. Da súa man continuamos polo camiño do rexurdimento, malia momentos de galerna como os que vivimos e pouco a pouco imos superando. A lingua axúdanos a transformar « desexos en realidades e ideas en feitos» .

Esta funcionalidad es sólo para suscriptores

Suscribete
Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación