A USC abre a convocatoria do segundo premio Fonseca á divulgación científica

O reitor da USC, Senén Barro, o presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o coordinador do programa «ConCiencia», Jorge Mira, presentaron onte en Santiago de Compostela a segunda convocatoria do premio Fonseca de divulgación científica, outorgado por primeiva vez o pasado ano ... ao físico británico Stephen Hawking. En 2009, este galardón de proxección internacional enfía a súa segunda convocatoria.

Ao abeiro do programa «ConCiencia», o Premio Fonseca é unha iniciativa que nace coa fin de incentivar a transmisión do coñecemento científico e o saber ao gran público. O seu obxectivo é recoñecer como un importante valor o interese e a capacidade de amosar á sociedade «a necesidade e a beleza do coñecemento de xeito sinxelo e atractivo». Trátase da «acción de divulgación científica de máis impacto de Galicia», subliñou onte Jorge Mira na presentación. O prazo para a recepción de candidaturas permanecerá aberto ata ás 14 horas do próximo 15 de abril.

Como ocorrera na súa primeira edición, poderán ser candidatas aquelas persoas acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica dirixida ao público en xeral, mediante unha utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación e o desenvolvemento de métodos ou medios de divulgación científica innovadores. Tamén poderán recoñecerse aquelas persoas que, a través da súa actividade, supoñan un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.

De acordo coa convocatoria, os candidatos deberán ser propostos por grupos de persoas ou institucións de recoñecido prestixio, que terán a obriga de achegar unha memoria explicativa da proposta, incidindo naqueles aspectos da traxectoria persoal e profesional do candidato.

O xurado que vai analizar as propostas intégrano o reitor da USC, o xerente do Consorcio de Santiago, o coordinador do Programa ConCiencia -que actuará como secretario-, o director de Programas do Consorcio de Santiago e catro persoas relacionadas coa divulgación científica. Na súa decisión, tendo presente que non se trata de recoñecer traxectorias científicas excepcionais, tratarán de salientar aquelas contribucións excepcionais á divulgación científica e ao estímulo de vocacións, así como ao desexo de saber en xeral ou en ámbitos concretos do coñecemento e da ciencia. O xurado do pasado ano estivo formado por Senén Barro, reitor da USC; Xosé Manuel Villanueva, xerente do Consorcio de Santiago; Carlos Pajares, catedrático de Física Teórica (USC); Xosé Denis, director de Programas do Consorcio; Javier Armentia, director do Planetario de Pamplona; Xosé Rodríguez Durán, director do programa «Ciencianosa» (TVG), e polo director do programa «ConCiencia».

Tras as pegadas de Hawking

Na edición inaugural foi escollido o profesor de Cambridge (Reino Unido) Stephen Hawking, considerado coma a meirande figura no campo da Física da segunda metade do século XX. O dictame valorou a «excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica, e por terse convertido nunha referencia pública da ciencia no mundo».

Artículo solo para suscriptores

Accede sin límites al mejor periodismo

Tres meses 1 Al mes Sin permanencia Suscribirme ahora
Opción recomendada Un año al 50% Ahorra 60€ Descuento anual Suscribirme ahora

Ver comentarios