POLÍTICA LINGÜÍSTICA

A lingua galega mailo inglés estreitan lazos a través dos alumnos

SANTIAGO Actualizado: Guardar
Enviar noticia por correo electrónico

Alumnos e alumnas que estudan lingua e cultura galegas no IE Cañada Blanch de Londres participan estes días nun programa de estadía en Galicia que ten como obxectivo prioritario servir de reforzo á súa actividade académica nesta materia. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiron onte pola mañá aos estudantes e dous profesores do centro de ensino, nun acto que tivo lugar na sede da secretaría xeral, en Santiago de Compostela. Ademais dos 65 alumnos e alumnas que no curso 2010-2011 estudan galego no IE Cañada Blanch de Londres, Xesús Vázquez recordou que grazas ao traballo da Consellería de Educación a lingua propia de Galicia está presente noutros centros que imparten ensino regrado fóra da Comunidade. É o caso, no estranxeiro, do colexio Castelao de Caracas e do centro Santiago Apóstol de Bos Aires.

Dentro do Estado español, a secretaría xeral tamén aposta pola difusión e o recoñecemento do galego a través dos centros que forman parte do proxecto «Galauda», que se desenvolve en Cataluña, ou dos que, grazas ao Protocolo de Colaboración entre Galicia e Castela e León, ofrecen aulas de galego e en galego nas comarcas do Bierzo e de Sanabria.

Amor pola lingua

O secretario xeral transmitiulles aos estudantes o seu desexo de que, «aprendendo galego, contribúades a cultivar e transmitir o cariño polas linguas e culturas que non son as vosas, porque na valoración e no recoñecemento do plurilingüismo, e da multiplicidade de culturas, está o camiño desta Europa da que formamos parte». No remate do acto, unha das alumnas, en representación dos seus compañeiros e compañeiras, agradeceulle á Consellería de Educación o seu esforzo por facer posible que, desde Londres, poidan continuar afondando no seu coñecemento sobre a lingua e a cultura galegas.

Durante estes días de estadía en Galicia, os alumnos e alumnas de galego do IE Cañada Blanch teñen ocasión de visitar algúns puntos da Comunidade de interese cultural e de participar en actividades que promovan o seu contacto co galego para que, deste xeito, melloren a súa competencia lingüística. O instituto Cañada Blanch de Londres oferta a optativa de lingua e cultura galegas desde o ano 1992.