Hazte premium Hazte premium

flores de papel

Perfume gótico

Ao comezar o ano, Cunqueiro anotaba nun caderno autores e títulos que lle apetecía ler

ramón blanco

Nestas datas tan propicias para facer balances e inventarios, supoño que tamén vostedes elaboran listaxes, mentais ou escritas, dos libros que van ler no vindeiro ano. O meu método, froito particular da desorde, consiste en arrombar unha morea de volumes. Á maioría destes inocentes non lles chega o indulto de cada Nadal, e afogan no po, esmagados polas novas lecturas que o azar envíe, como pasou xa hogano coa nova edición en Galaxia da poesía que entre 1933 e 1981 publicou Álvaro Cunqueiro (quen, por certo, ao comezar o ano, anotaba nun caderno autores e títulos que lle apetecía ler; evidentemente, o programa quedaba incumprido por causa do azar). Quen non volve ler esa marabilla titulada «Rondeau das señoras donas pintadas no ouso do Vilar, no século XIV, cheirando unha frol»? Quen non imaxina a Cunqueiro con vinte e pico anos escollendo, de todos os amores, o amor desas damas doutro tempo mentres el envellece sen saber que anos despois, nun artigo titulado «Para decir en Navidad», vai escribir: «El amor, ya lo dijo Shakespeare, se huele como un perfume»?

Eu escollín ese rondeau , quizais buscando cura para un perfume cativo, nun maratón de lectura en Burela, hai uns meses. Cando chegara alá, a visión dunha lámina roída pola humidade (representaba unha praia, con barca varada e gaivotas a voar) fixérame querer visitar o verdadeiro mar Cantábrico e ir contemplar despois as pinturas murais do gótico tardío que hai na igrexa de Vila do Medio. Son escenas da paixón de Xesús, noutrora esquecidas baixo unha grosa capa de cal, ata 1973, cando o azar fixo que uns rapaces, seguramente evadidos dos asuntos litúrxicos, escunchasen un anaco do recebo. Mentres non se derruben por completo estes lenzos, ou se a humidade non os eslúe máis, poderemos reler a maldade nos ollos dos soldados que azoutan o corpo de Cristo.

Na catedral de Mondoñedo hai outro mural gótico que representa a degolación dos Inocentes. Alí viu Cunqueiro en 1936 como «Castelao se acercaba para mejor contemplar aquella matanza, a la parva luz de las dos lámparas altas en las columnas». Daqueles frescos copiou o aspecto do seu san Gonzalo; xa saben que en Cunqueiro nada é inocente, mais paga a pena lelo con paixón, sentindo como cada páxina deixa nos dedos un perfume do tempo, que se vai.

Esta funcionalidad es sólo para suscriptores

Suscribete
Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación