Domingo, 07-06-09
R. G.
REDONDELA. Na illa de San Simón, no concello pontevedrás de Redondela, ditaminouse onte a XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, e a IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.
A festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas, entre as que se atopaban Antón Louro, delegado do Goberno en Galicia; Francisco López Barxas, director xeral de Cultura da Consellaría de Cultura de Deporte; Xabier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón; Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros de Galicia; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.
No acto, presentado por Celia Torres, coordinadora dos premios, participou o dúo de zanfonas «Sobre rodas», formado por Luís Correa, «O Caruncho» e Carlos do Viso, que interpretaron os temas: «Alalá de Muxía», «Foliada de Baiona», «O home do sombreiro» e «As matas».
Agustín Fernández Paz actuou como mantedor literario do acto, leu o discurso titulado «Oito doas para san Simón», no que fixo unha defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade.
45.000 euros en galardóns
O xurado da XXVI edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros, entre as corenta e cinco obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «O retorno das aves», presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título «Sol de Inverno», onde unha voz narrativa en segunda persoa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato
En canto o Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros acordouse por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Papude» que, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título «Mil cousas poden pasar». Neste, baixo a premisa da liberdade absoluta, o autor propón ao lector un xogo no que se nos decidimos a entrar a ceibar sen límites a imaxinación, calquera cousa pode xa acontecer.
Dobrete para Rosa Aneiros Díaz en quen tamén recaeu o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros por «Ás de bolboreta». Nel a autora trata temas nada compracentes, como o terrorismo, a intolerancia, a soidade ou a violencia contra as mulleres, a novela flúe e conmove aos seus lectores e lectoras grazas á combinación de diálogos áxiles e frescos con pasaxes fondamente líricas.
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que anunciou algúns dos novos proxectos da editorial entre os que destacou a apertura da Biblioteca Dixital Xerais, onde se recollerán contidos electrónicos educativos e os primeiros e-books da editorial.

Enviar a:

¿qué es esto?


Más noticias sobre...