EVARISO AMADO
A CORUÑA. O tempo, as biografías, as reedicións de vellos discos e os festivais estanlle dando a razón, se cadra demasiado tarde, a Thelonius Sphere Monk (North Carolina, 1917 - New Jersey, 1982). Moi lonxe e Count Basie, Duke Ellington, Bud Powell e outros mestres do instrumento, o vixésimoquinto aniversario da morte do pianista de Nova Iorque está a confirmar no canon jazzístico a figura dun dos máis excepcionais pianistas da época dourada do jazz.
O festival «Jazz en Outono», que ocupará en novembro o Teatro Colón herculino da man da Fundación Caixa Galicia, servirá pois para lembrar ao autor de «Round Midnight», «Nutty», «Epistrophy´». Tres figuras destacadas no panorama jazzístico internacional recuperarán a música do heterodoxo pianista de sombreiros extravagantes, un autodidacto solitario sen grupo estable ata a aparición no seu camiño dunha alma xemela, Charlie Rouse. O xove saxofonista Francesco Cafiso (2 novembro); o pianista alemán Alexander von Schlippenbach, acompañado do seu quinteto «Monk´s Casino» (9 novembro); e o grupo «Black Saint» do saxo tenor David Murray (30 novembro) recorrerán ao seu paso por A Coruña os «standards» de Monk.
Cesaria Évora
O mes de novembro celebrará tamén o paso polo Colón da caboverdiana Cesária Évora, que presentará o seu último traballo: «Rogamar» (15 novembro). A oferta cultural do próximo mes completarase coas danzas tradicionais turcas da montaxe «Dervishi». Para os máis pequechos, a oferta pasará pola múscia clásica de Vivaldi con «As miñas primeiras catro estacións» do violinista Ara Malikian (11 novembro). Para eles tamén o teatro, cun clásico, «Peter Pan» (día 4), e a obra «Dous pillos e un bombeiro» (día 18). Para adultos, a oferta do Colón inclúe a montaxe de La Abadía «Lembrareime de todos vós».



