ABC
SANTIAGO. Investigadores dos programas Parga Pondal e Ramón y Cajal en Galicia, expertos cunha gran experiencia posdoutoral acreditada que desempeñan a súa labor en centros do CSIC, hospitais e as tres universidades galegas, reuníronse no Centro de Estudos Avanzados da USC para reflexionar sobre a utilidade e o procedemento da inserción profesional dos científicos novos nas universidades e no sistema público de I+D+i.
Dado que actualmente as sociedades máis desenvolvidas se propoñen como obxectivo prioritario acadar as cotas máis altas de coñecemento posibles, os organizadores pretenderon con esta xornada concienciar da importancia de ter un sistema de I+D+i «forte e ambicioso» á vez que de discutir e propor solucións aos obstáculos que «están a impedir o noso desenvolvemento».
Estas primeiras xornadas inaugurounas o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto co reitor compostelán, Senén Barro, o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o director do Instituto de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, e o vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC, José Manuel Fernández de Labastida. No acto, o reitor anuncioulle aos investigadores que poderán participar nas vindeiras eleccións sindicais da USC do 21 de marzo; facéndoo os dos programas Parga Pondal e Ramón y Cajal como PDI e o resto do persoal investigador como PAS.
Logo da apertura tivo lugar un coloquio sobre as perspectivas profesionais dos investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal en Galicia no que, moderado polo director do CEA, Félix Vidal, participaron numerosas autoridades tanto políticas coma académicas. Así, interviron os directores xerais de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Salustiano Mato e Rogelio Conde-Pumpido; os vicerreitores de Investigación das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, María José Alonso, Concepción Herrero e Manuel Reigosa; e a de Profesorado e Organización Académica da USC, María Dolores Domínguez.
Participaron tamén os catedráticos Ángel Carracedo e José Manuel Fernández de Labastida, así como o presidente da Asociación de Investigadores Parga Pondal (AIPP), Álvaro Gil, e o vicepresidente da Asociación Nacional de Investigadores Ramón y Cajal (ANIRC), Mark van Raaij.
O foro serviu así mesmo de espazo de encontro entre os investigadores, que aproveitaron a ocasión para presentar as súas actuais liñas de investigación co obxecto de difundir a súa labor tanto a outros científicos, que poden atopar aquí futuros colaboradores, coma ao resto da sociedade.



