
MIGUEL MUÑIZ Vendimiador na zona das Rías Baixas
ABC
SANTIAGO. Imatia Innovation está a finalizar o proxecto Adegas, un software para o sector vitivinícola que integra a xestión do proceso de produción «desde a cepa até a copa». Unifica a xestión estándar e a vertical, é dicir, que á vez que facilita tarefas comúns a calquera sector, como a xestión de clientes, pedidos e provedores, inclúe ferramentas feitas a medida para o control de viñedos, da vendima ou de enfermidades e tratamentos da uva.
A Consellería de Innovación e Industria colabora no proxecto a través do Programa de Innovación Empresarial, cunha achega de 45.000 euros no marco do Plan Galego de I+D+i.
Imatia é unha empresa nova, nacida no ano 2005 no seo dun grupo de investigación da Universidade de Vigo. A pesar disto, ten traballado xa no desenvolvemento de solucións informáticas para sectores fundamentais da economía galega, como o naval, a pesca, a madeira, a automoción ou o propio sector do viño.
O coñecemento da industria do viño a raíz do traballos realizados con Adegas Valmiñor e con Pena das Donas fixo que os responsables deste proxecto observaran a necesidade de dotar ao sector vitivinícola dunha ferramenta de xestión personalizada e integral. Segundo fontes de Imatia, as bodegas galegas produtoras de viño utilizaban software que non foi creado especificamente para o sector, demasiado xenérico e pouco eficiente. Así mesmo, é habitual que as adegas pequenas realicen a xestión específica dos procesos produtivos de xeito manual, sen un control automatizado dos movementos do viño, das medicións, das enfermidades ou do resultado dos tratamentos.
O rexistro manual fai imposible sacar partido aos datos para mellorar a explotación, mentres que o software Adega permite unha xestión continua das fincas e a planificación da produción en base a informes e a estatísticas, segundo a propia empresa.
Nas empresas produtoras da denominación de orixe Rías Baixas acentúanse estes problemas en comparación co que sucede nas que producen Ribera del Duero ou Rioja. Ao pensar nestas adegas como primeira opción para a comercialización incluíronse certos aspectos funcionais no software que resolven as problemáticas concretas da denominación galega.
Segundo os responsables de Imatia, os beneficios para as empresas vitivinícolas observaranse a curto prazo. Ademais de axilizar as actividades loxísticas e produtivas, a empresa viguesa aspira a que este software se converta nunha plataforma tecnolóxica que integre, mediante a tecnoloxía dos Servizos Web, datos de interese común para toda a cadea de valor do sector, composta por viticultores, adegueiros, consellos reguladores e consumidores, «constituíndo unha plataforma de acceso común á información».
Bagaxe tecnolóxica
Imatia non partiu de cero no desenvolvemento de Adegas, senón que aproveitou investigacións anteriores que «invitaban a concretar os seus resultados nun formato de produto sectorial». Por unha banda, o grupo de investigación da Universidade de Vigo no que naceu a empresa creara unha tecnoloxía que facilita o desenvolvemento, o despregue e o mantemento de aplicacións de xestión que empregan bases de datos. «Esta tecnoloxía de desenvolvemento rápido permite crear aplicacións a medida dos distintos sectores, como a madeira, o téxtil, a acuicultura ou os transportes», explica David Goyanes, investigador principal no proxecto. Os compoñentes de software específico creados con outras finalidades foron adaptados durante o traballo e mellorados ao integralos no produto final. A esta bagaxe no ámbito tecnolóxico, hai que engadir un coñecemento importante das necesidades concretas do sector vitivinícola por un lado e dos requirimentos da xestión de calquera empresa por outro. De feito, Adegas parte en primeira instancia do software de xestión «Elastic Business», creado por Imatia e adaptable a todo tipo de empresas para a xestión comercial, financeira, de recursos humanos e de almacén.



