En Vídeo
En imágenes
Adóitase pensar que nos seus inicios, alá polos anos 10 do século pasado, o cinema bebeu das disciplinas anteriores, sobre todo da pintura, posto que o traballo dos artistas dos outros eidos visuais era fonte de inspiración para directores, guionistas, fotógrafos e incluso, deseñadores de vestiario. Así continuou mentres que a imaxe en movemento non se convertiu nunha arte por si soa, nunha disciplina que hoxe en día, xa conta cun amplo pasado e cun gran abeiro de posibilidades. De feito, as influencias semellan que mudaron, posto que o cinema comezou a influír de xeito determinante nas outras disciplinas plásticas.
Así o mostra a exposición que alberga o Centro Torrente Ballester de Ferrol, na que varios autores internacionais pretenden ensinar como afectou o cine nas súas pezas artísticas. «Miradas cinematográficas. Colección CGAC» achega a principal colección de arte contempornáea de Galicia ao centro ferrolán, co fin de trasladar a todos os visitantes a peculiar pegada da linguaxe cinematográfica nas outras artes visuais que conviven co cinema na actualidade.
En total, trátase de máis de 60 pezas de diferentes autores internacionais que forman parte dos fondos do CGAC, tales como Tracey Moffat, Vito Acconci, Eve Sussman, Zilla Leutenegger, Rui Calçada Bastos, Carlos Pazos e o ferrolán, Vari Caramés, entre outros moitos. As obras están separadas en varias seccións como «Secuencias», «Localizacións», «Foto fixa», «Os actores» ou «Acción!», que serven como fío conductor para mostrar a mirada do cinema no conxunto das obras plásticas representadas.
Con isto revisiónase o actual comportamento do cine, que deixou de habitar o espazo público para convertirse nun acontecemento privado e doméstico. Pero a apertura de campos paralelos a través de exposicións como a que se presenta no centro ferrolán permite que o cine se afaste da esfera do disfrute social. Así o constataba a comisaria da exposición, Mónica Maneiro, que recentemente apuntaba: «estamos nun momento no que o cine está perdendo a súa condición de fenómeno social para convertirse en algo individual. Porén, a cinematografía cada vez acércase máis aos museos». A mostra permanecerá aberta ata o próximo 13 de abril.
A aposta do humor
De forma simultánea, o museo acollerá unha segunda exposición, «Poco antes de la tormenta conviene un poco de humor», unha mostra dunhas vinte pezas nas que varios artistas lle fan un guiño ao humor na arte. O «gag», é dicir, a estratexia que exhibe o factor sorpresa como elemento principal da súa estrutura, é o motor dos filmes de humor, un motor que artistas como Miguel Rothschild, Chema Madoz ou o vigués Diego Santomé plasman nas súas pezas.




