En Vídeo
En imágenes
A figura de Celso Emilio Ferreiro centrará boa parte das actividades culturais de cara ao ano 2012, cun nutrido programa que tentará homenaxear ao poeta no centenario do seu nacemento. Así o expuso onte na Cidade da Cultura o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que foi o encargado de presentar o calendario de actuacións deseñado entre o seu departamento e a RAG, o Concello de Celanova, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Celso Emilio Ferreiro e o Pen Clube de Galicia.
A finalidade última deste proxecto que se prolongará durante todo o ano é o de dar a coñecer «máis e mellor» a obra do autor de Longa noite de pedra. Por elo, os axentes implicados acordaron darlle prioridade ás accións de difusión social, recordando a figura deste escritor máis alá do plano meramente académico. Entre as actuacións que se porán en marcha nas próximas semanas destaca a creación dunha páxina web (www.celsoemilioferreiro.org) que recollerá información do poeta celanovés, a súa obra, fotografías e referencias bibliográficas.
Asemade, a Xunta promoverá unha novedosa iniciativa presentada baixo o título «Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro» e segundo a que os habitantes das rúas de 28 localidades de Galicia que levan o nome do poeta poderán recibir parte da súa obra. Os seus poemas, ademáis, ocuparán os escaparates da localidade na que Celso Emilio naceu.




