En Vídeo
En imágenes
Os lenzos pasarán a formar parte das coleccións de pintura relixiosa e flamenca da sala herculina
HA CORUÑA
A última hora da tarde de onte presentáronse na sede do Museo de Belas Artes os dez novos depósitos procedentes do Museo do Prado que, dende agora, complementarán a exposición permanente da sala hecrulina. Os novos lenzos e táboas están asinados por autores como Jan Erasmus Quellinus, Jacob Peeter Gowy, Jean Baptiste Borkens, Frans Luyck, Theodoor Rombouts ou Juan Pantoja de la Cruz. Tamén volverán a formar parte desta colección obras do artista Vicente Carducho.
O conselleiro do departamento de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, foi o encargado de dar á benvida ás novas adquisicións no marco da celebración do 90 aniversario do museo. Sobre as pinturas e o valor que lle outorgarán á sala coruñesa, Vázquez subliñou que «veñen a mellorar de xeito significativo a xa de por sí sobresaínte colección permanente deste lonxeva e vizosa institución». Asemade, o conselleiro engadíu que estas pezas «sorprenden pola súa beleza e son merecentes de ser contempladas».
Abano de estilos
As novas fichaxes tamén ampliarán o abano de estilos pictóricos cos que o Museo de Belas Artes contaba ata o de agora, nutrindo a colección de máis temas e perspectivas artísticas. Así o amosou Vázquez ao indicar que permitirá aos visitantes gozar dun xeito máis completo destas manifestacións que datan do século XVII.
Catro das pinturas que se incorporan aos fondos do museo completarán o apartado de pintura relixiosa da sala. En concreto, trátase do San Juan de Mata renuncia ao doutorado e logo aceptao por inspiración divina, Ordenación e primeira misa de San Juan de Mata (ámbalas dúas de Vicente Carducho), e A Visitación e A Presentación de Xesús no templo, do pintor de orixe italiano Francisco Rizzi. No apartado de pintura flamenca, o espazo coruñés contará a partir de agora con dous novos cadros —O Amor durmido de Jan Erasmus e A Caída de Ícaro de Jacob peeter Gowy— que se sumarán ás dúas táboas de Rubens (Psique e Dédalo e o Minotauro) coas que xa contaba o Museo.




